O presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, mantivo un encontro co alcalde Miguel Fernández
A Xunta aborda co alcalde de Lugo os investimentos autonómicos para impulsar melloras na cidade en infraestruturas, medio ambiente, cultura e sanidade
O Goberno galego reiterou a súa disposición a colaborar nos proxectos do Museo da Romanización, nas conexións coa A-6 e, entre outros temas, co saneamento e abastecemento de Esperante
Remarcouse o esforzo realizado polo Goberno galego en materia de vivenda e trasladouse a colaboración respecto do centro de saúde do Sagrado Corazón, unha vez que o Concello poña a disposición a parcela necesaria
Acordouse formalizar convenios de colaboración para avanzar na construción dun albergue para a protectora de animais e dunha zona de baño no río Miño
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Lugo, Miguel Fernández, co obxectivo de abordar os principais compromisos e investimentos autonómicos na cidade. A reunión enmárcase na rolda dos contactos que o presidente está a manter cos alcaldes das principais cidades e presidentes de entidades locais como a Federación Galega de Municipios e Provincias e as deputacións provinciais.
Nunha intervención posterior ao encontro, Diego Calvo, trasladou a cordialidade coa que se mantivo o encontro e debullou os temas tratados como o proxecto do Museo da Romanización, do que a Xunta reiterou a súa dispoñibilidade de colaboración. Neste punto lembrou que os orzamentos autonómicos contan cunha partida de 500.000 euros, deixando patente o seu compromiso. Pola súa banda, o alcalde de Lugo solicitou que se destinase esa contía ás obras, co compromiso de buscar máis financiamento por parte doutros organismos.
No eido da vivenda, Diego Calvo destacou que a Xunta está facendo un esforzo moi importante e “lidera con feitos a vivenda pública en Lugo”. Así, referiuse ás 460 vivendas protexidas en Garabolos, das que 146 xa teñen obras adxudicadas e 314 están con proxecto e dirección de obra en licitación; ao desenvolvemento do solo residencial no Sagrado Corazón, co plan para 1.200 vivendas, onde xa está adxudicada a redacción de proxecto con prazo de 15 meses; ou ás 137 vivendas resultantes do acordo de permuta de parcelas na rúa Illa Coelleira, Paradai e Angelo Colocci, con 113 delas xa con proxecto e dirección de obra licitados.
A maiores, sinalou á previsión de publicar no terceiro trimestre deste ano a licitación das obras para rehabilitar dous inmobles na rúa Catedral 18 e 22, no barrio de Tinería, e de impulsar 16 vivendas na contorna de Dona Urraca, para o que xa se constituíu o xurado do concurso de ideas, con 17 propostas presentadas.
Con respecto ao Plan Paradai insistiu tamén en que a Xunta mantén o compromiso coa execución da obra xa aprobada para a Serra de Meira. “Estamos actualizando o proxecto, que estará listo este mes e que conta cunha dotación económica de 500.000 euros para este ano, e a continuación firmarase un convenio co concello de Lugo, que ten solicitar permiso da Confederación Hidrográfica para poder acometer a obra”, indicou.
En canto á conexión do Polígono das Gándaras coa A-6, o conselleiro apuntou que a Xunta licitou o pasado mes de marzo a urbanización de 352.000m2 nas fases VI e VII-b, que permitirá unha mellor conexión co polígono do Ceao e acceso á autoestrada. “En todo caso, a Xunta seguirá facilitando as conexións dentro do seu ámbito, sen esquecer que o desenvolvemento futuro do polígono require coordinación co Estado para completar o enlace á A-6”, engadiu.
Ademais, tratouse a cuestión da Rolda Leste, que considerou como “prioridade absoluta para a cidade”. “O obxectivo é ter o estudo de impacto ambiental finalizado e en exposición pública este trimestre, para contratar as obras o antes posible”, afirmou. Segundo sinalou, daranse catro alternativas para elixir no máximo consenso co Concello a máis axeitada e o orzamento autonómico superará os 30 millóns de euros. “Trátase dun investimento autonómico irrenunciable para a cidade e para a provincia” engadiu.
Tamén se avaliou o saneamento e abastecemento de Esperante, co compromiso por parte da Xunta de atender calquera solicitude fundamentada do Concello. Nesta liña, Diego Calvo lembrou que o Goberno galego segue agardando as correccións pedidas en outubro e que mantén o financiamento comprometido, do 70%.
No que respecta ao albergue para a protectora de animais, Xunta e Concello acordaron formalizar un convenio a tres partes, incluíndo a Deputación, para levar a cabo as obras necesarias e con todas as garantías. “Cremos que se trata dun apoio definitivo a un sector sensible como é o coidado animal, clave para esta Administración, e imos seguir apostando por unha solución definitiva para mellorar o seu funcionamento”, afirmou Calvo. Tamén se acordou a firma dun protocolo para a construción e posta á disposición do público dunha zona de baño pública no Río Miño, unha demanda na que a Xunta leva anos ofrecendo a súa colaboración.
Con respecto ao centro de saúde do Sagrado Corazón, o conselleiro sinalou que a Xunta está á espera de que o Concello poña á disposición a parcela, polo que se lle pediu a máxima celeridade. Na xuntanza, o Goberno galego ofreceu ademais colaboración para demoler a construción existente na parcela e axilizar así a posta á disposición do terreo e a construción do centro de saúde.
O conselleiro referiuse tamén aos aparcadoiros disuasorios, lembrando que a Xunta xa executou as reformas demandadas polo Concello para corrixir as augas de escorrentía no espazo executado pola Xunta na Avenida de Breogán, polo que se lle ofreceu ao concello que asuma a xestión do espazo. Canto á posibilidade dun novo aparcadoiro, acordouse analizar tanto a viabilidade da proposta feita polo alcalde para que se constrúa na Avenida Villaverde, como da proposta da Xunta para a rúa Fontiñas, para posteriormente tomar unha decisión.
Sobre o Pavillón da OJE, que leva 40 anos abandonado no centro da cidade, Diego Calvo lembrou que a Xunta está disposta a ceder os dereitos ao Concello, se o solicita formalmente, así como a colaborar no financiamento do proxecto que impulse a administración local.