A Xunta publica o decreto da oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde para 2025, con 3.460 prazas
A oferta de emprego público amplía en 2.000 prazas as inicialmente previstas
O Diario Oficial de Galicia recolle a distribución de prazas: 1.340 de persoal diplomado sanitario, 271 de licenciado sanitario, 1.124 de formación profesional e 725 de persoal de xestión e servizos
A Xunta aplica, con carácter excepcional, a taxa adicional de reposición específica prevista na lexislación para favorecer a estabilidade do persoal estatutario e reducir a súa temporalidade
Do total de prazas ofertadas, 179 están reservadas á quenda de discapacidade xeral e outras 71 á quenda de discapacidade intelectual
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do sistema público de saúde de Galicia para o ano 2025.
Esta nova convocatoria acadará as 3.460 prazas, despois de que a Xunta decidira unha ampliación de máis de 2.000 prazas das inicialmente previstas.
Con carácter xeral, a taxa de reposición acada o 120 %, por ser o do persoal sanitario un sector prioritario. Agora, co obxectivo de reducir a temporalidade do persoal dos centros sanitarios galegos, a Xunta aplica, con carácter excepcional, a taxa adicional de reposición específica prevista na lexislación. Así, a oferta pasa das 1.460 prazas iniciais ás 3.640 finalmente previstas.
Do total de prazas ofertadas, 179 están reservadas á quenda de discapacidade xeral e outras 71 á quenda de discapacidade intelectual.
De acordo coa súa distribución por estamentos, a oferta de emprego público do Servizo Galego de Saúde en 2025 contará con 1.340 prazas para as categorías de persoal diplomado sanitario, 271 para licenciados sanitarios, 1.124 para o persoal sanitario de formación profesional e outras 725 para o persoal de xestión e servizos.
Máis polo miúdo, no caso do persoal diplomado sanitario destaca a oferta de 1.162 prazas de enfermería, ás cales se engaden outras 109 de persoal de enfermería especializada, ou as 45 de dietista-nutricionista.
No caso dos licenciados sanitarios, a categoría que contará cunha maior oferta será a de médico de urxencias hospitalarias (48), a de facultativo especialista en anestesioloxía e reanimación (25) e a de facultativo especialista en psicoloxía clínica (17).
No que atinxe ao persoal sanitario de formación profesional, a categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería disporá de 975 prazas, a de técnico superior en imaxe para diagnóstico de 60,e a de técnico superior de laboratorio de diagnóstico clínico doutras 60.
Por último, respecto das categorías que conforman o grupo de xestión e servizos, atópanse a de celador con 198 prazas, persoal de servizos xerais con 185 prazas e o grupo auxiliar da función administrativa con 130, como as categorías nas que se oferta un maior número de prazas.
Esta nova oferta, composta por 3.460 prazas, engádese ás pendentes de convocar de decretos anteriores, posibilitando a convocatoria de novos procesos selectivos nos que se incluirán un total de 5.550 prazas de persoal estatutario do sistema sanitario público de Galicia.