O conselleiro de Educación asinou co alcalde do Porriño un acordo para o impulso das ensinanzas de FP neste Concello, onde a Xunta oferta 224 prazas de novo ingreso

Román Rodríguez avanza que máis de 56.000 persoas xa presentaron solicitude para cursar FP o vindeiro curso

Subliña que, unha vez máis, estas cifras avalan o interese da cidadanía por estas ensinanzas en Galicia

Explica que se trata dunha fase “moi inicial” do proceso e as solicitudes terán que plasmarse en matrículas nun momento en que moita xente está pensando se opta por FP, polo Bacharelato ou por estudos universitarios

A primeira adxudicación de prazas realizarase o 15 de xullo e as persoas adxudicatarias terán de prazo ata o día 22 para formalizar a matrícula

O Porriño (Pontevedra), 3 de xullo de 2025

Máis de 56.000 persoas veñen de solicitar praza para cursar algunha modalidade de Formación Profesional en Galicia o vindeiro curso, segundo avanzou hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante unha visita ao Concello do Porriño para impulsar precisamente os ciclos formativos neste concello.

O titular de Educación do Goberno galego explicou que, cos datos provisionais do prazo de solicitudes que rematou onte, estas cifras supoñen unas 2.000 solicitudes máis  con respecto ao curso 2024-25, o que “avala o interese da cidadanía por estas ensinanzas en Galicia”.

Cómpre subliñar que se trata dunha fase moi inicial do proceso, xa que a primeira adxudicación de prazas realizarase o día 15 de xullo e, a partir de aí, os interesados deberán confirmar a súa solicitude mediante a matrícula antes do 22 de xullo ás 13,00 horas. Neste senso, o conselleiro explicou que se dan simultaneidades na medida en que hai moitas persoas que aínda están decidindo por que vía formativa optan, ben sexa FP, Bacharelato ou estudos universitarios.

Axilización do calendario

Román Rodríguez lembrou tamén que este ano, por primeira vez, co fin de axilizar o proceso en beneficio do alumnado e dos centros, a adxudicación de prazas para os 251 ciclos ofertados concéntrase ao longo deste mes de xullo. “Isto permite que os alumnos saiban con máis antelación onde son admitidos e os centros poden axilizar a súa organización”, precisou.

Así pois, tras a primeira adxudicación de prazas do 15 de xullo, a segunda será o 22 de xullo e a terceira o 29 de xullo. Logo destas tres adxudicacións, do 1 ao 26 de setembro seguirá aberta a adxudicación continua desde os propios centros educativos naqueles ciclos formativos onde queden prazas vacantes.     

Impulso da FP no Porriño

Precisamente, no marco do impulso da FP en todo o territorio galego, Román Rodríguez desprazouse ao Porriño para asinar co alcalde da localidade, Alejandro Lorenzo, un convenio de colaboración neste ámbito.

A través deste acordo, o Concello poñerá á disposición un espazo para impartir o novo ciclo básico de Peiteado e estética que se poderá cursar no Instituto Ribeira do Louro, con 18 prazas.

A oferta de FP no Porriño acadará o vindeiro curso as 224 prazas ofertadas, das cales a meirande parte (206) concéntranse no Ribeira do Louro, mentres que as outras 18 correspóndense co grao básico de Informática de Oficina no IES Pino Manso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2025