Galicia comparte con Cantabria o seu modelo de inclusión educativa que é referente en España
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa participa en Santander nun seminario centrado na neurociencia e a aprendizaxe desde a evidencia científica
Santander (Cantabria), 8 de xullo de 2025
Galicia leva a Cantabria o seu modelo de inclusión educativa como un referente a nivel estatal no marco do seminario Neurociencia, docencia e aprendizaxe desde a evidencia científica, organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Santander. No evento, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, expuxo o relatorio O tratamento das diferenzas individuais na Comunidade Autónoma de Galicia.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que o sistema galego avanza cara a unha educación máis equitativa e adaptada á diversidade. A directora xeral subliñou que máis do 93% do alumnado con necesidades educativas especiais en Galicia está escolarizado en centros ordinarios, unha cifra superior á media estatal. Esta aposta é posible grazas ao traballo de máis de 5.000 profesionais especializados que desenvolven o seu labor nos centros educativos da comunidade.
Así mesmo, lembrou que Galicia é a única Comunidade que aplica unha ponderación do alumnado con necesidades educativas especiais, contabilizándoo por dous ou por tres a efectos de ratios dentro da aula. “Unha proposta que está permitindo mellorar a calidade da educación e favorecer a atención”, sinalou Judith Fernández. “Estamos a apostar por un modelo que combina equidade, innovación e evidencia científica, sempre co foco posto na mellora da aprendizaxe e no benestar do alumnado”, engadiu.
Formación docente e conexión coa universidade
A directora xeral explicou que a Estratexia de inclusión educativa 2030, cun orzamento de 116 millóns de euros, busca ofrecer unha educación á carta, adaptada ás necesidades e capacidades de cada estudante. Neste senso, puxo o foco na importancia do profesorado como motor fundamental da inclusión. Por iso, agradeceu a organización de espazos como este seminario, que permiten achegar aos docentes os fundamentos científicos do proceso de aprendizaxe. “A formación continua e especializada do profesorado é esencial para dar unha resposta eficaz á diversidade nas aulas”, afirmou.