María José Gómez destaca a aposta de Destilerías Compostela pola innovación e por dotar de valor engadido o produto

A empresa está actualmente centrada na elaboración de cremas, vermús ou bebidas que inclúen bagazo, whisky ou ron

 

Rois (A Coruña), 10 de xullo de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe as instalacións de Destilerías Compostela, situadas no concello de Rois, onde puxo en valor a aposta desta empresa por dotar de valor engadido o produto empregando unha base láctea neutra, que é referente no mercado internacional. Durante a visita, a titular de Medio Rural estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Ambos foron recibidos polos socios fundadores da empresa: o presidente, Carlos López, e o xerente, Marcos Sóñora, así como por representantes do Concello de Rois e outros membros da compañía.

Destilerías Compostela está centrada na elaboración de produtos galegos de proximidade. Nas súas instalacións, que contan cunha planta para a fabricación de base láctea neutra, combínase innovación, tradición e respecto polo medio ambiente para elaborar unha ampla gama de produtos, entre os que destacan as cremas, vermús e bebidas que inclúen bagazo, whisky ou ron entre os seus compoñentes.

O prestixio da empresa reflíctese nos máis de 200 produtos que teñen no mercado, tanto de elaboración propia como de terceiras marcas. Entre eles sobresaen o vermú St. Petroni ou a xenebra A’ Miña Orixe, feita con Pementos de Herbón con Denominación de Orixe Protexida, exemplo claro do compromiso da compañía co medio rural e co seu desenvolvemento, ao empregar materias primas galegas para elaborar os seus produtos. Cómpre salientar que o vermú ST. Petroni foi elixido por terceiro ano consecutivo como o mellor do mundo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2025