A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas por un importe de 1,3 M€ para programas de carácter sociosanitario no eido dos trastornos mentais
O Executivo galego incrementa nun 11,8 % a partida destinada ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a realización de actividades que melloren a calidade de vida destes pacientes
O pasado ano esta liña de axudas posibilitou o desenvolvemento de 58 programas que contribuíron a mellorar a saúde mental da poboación galega
A convocatoria incide na realización de programas psicosociais, na prevención das adiccións, no fomento do empregabilidade ou no desenvolvemento de programas de prevención do suicidio
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a orde da Consellería de Sanidade pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento da concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais por un importe de 1.350.000 euros.
Esta nova convocatoria de incentivos vai dirixida ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro. Respecto do pasado ano, a Xunta incrementa nun 11,8 % (143.057 €), o orzamento consignado para o desenvolvemento deste tipo de actividades.
En 2024 esta liña de axudas posibilitou o desenvolvemento de 58 programas que contribuíron a mellorar a saúde mental da poboación galega.
Cinco eixos
As iniciativas susceptibles de concesión destas axudas agrúpanse en cinco grandes eixes estratéxicos.
En primeiro lugar, disporase dunha liña de axudas para financiar proxectos de investimento de melloras para os centros sanitarios cuxa actividade asistencial principal sexa o desenvolvemento de programas asistenciais e psicosociais en materia de trastornos mentais, incluídos os trastornos adictivos.
Esta convocatoria tamén posibilitará levar a cabo programas de intervención comunitaria destinados a aquelas persoas que padezan trastornos de tipo mental.
A terceira das liñas está vinculada á realización de programas de promoción do desenvolvemento de contornas protectoras no ámbito dixital, así como á prevención terciaria en adiccións comportamentais e outras adiccións.
Ademais, serán obxecto de axudas os programas de incorporación social e fomento do emprego para as persoas con trastornos mentais.
Por último, esta nova orde de axudas contribuirá á realización de programas de prevención do suicidio.
Esta convocatoria desenvolverase na modalidade de concorrencia competitiva, podendo acceder a ela todas aquelas entidades sociais sen ánimo de lucro que promovan novas estratexias que dean resposta ás necesidades da poboación que sofren doenzas de tipo mental.
O Executivo galego anticipará ás entidades beneficiarias o 100 % destas axudas, posibilitando a súa xustificación con posterioridade á realización das actividades.