Román Rodríguez anima ás empresas a presentarse á nova convocatoria de unidades mixtas de investigación que mobilizará 30 M€ e se abrirá en agosto
O conselleiro de Ciencia visita ANFACO-CYTMA, onde salienta a importancia desta acción para “facer máis competitivos os nosos sectores estratéxicos”
Esta liña forma parte programa Activa I+G+i, con preto de 53M€ para fomentar a colaboración entre empresas e a transferencia de coñecemento á cidadanía
Este centro tecnolóxico desenvolve unha Unidade mixta coas empresas Lagumar Seas e Angulas Aguinaga para a mellora da produción de mexilón e polbo
Vigo, 31 de xullo de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe en Vigo ANFACO-CYTMA, onde puxo en valor a nova convocatoria de Unidades mixtas de investigación, dotada con 12 millóns de euros, e animou ás empresas a presentarse a esta liña que forma parte das catro do programa Activa I+G+i de apoio á colaboración entre empresas e á transferencia efectiva de resultados, que aprobou recentemente o Consello da Xunta.
Na visita a este centro tecnolóxico especializado en industria mariña e alimentaria, onde estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o titular de Ciencia do Goberno galego subliñou a importancia deste apoio autonómico en materia de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación “para facer que os nosos sectores estratéxicos sexan máis competitivos” o que redunda “nunha mellora da nosa economía” e “da vida de todos os galegos”.
A convocatoria desta edición de Unidades mixtas de investigación, que se abrirá o vindeiro 18 de agosto no Diario Oficial de Galicia, estrutúrase en tres fases que son o apoio á creación de novas unidades mixtas, a consolidación das creadas en 2020 e 2022 e creación e consolidación de centros mixtos de investigación. Están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.
Entre as novidades deste ano, Román Rodríguez, destacou que a agrupación que se presente á convocatoria debe contar polo menos cunha pequena ou mediana empresa. A previsión é acadar unha mobilización de 30M€ para desenvolver iniciativas colaborativas mediante a creación de consorcios estratéxicos entre as universidades e os centros de innovación tecnolóxicos coas empresas, segundo explicou.
De feito, desde a súa posta en marcha en 2014, o programa ten permitido apoiar un total de 54 Unidades mixtas -39 novas, 12 de consolidación e tres centros mixtos de investigación- nas que participaron 39 empresas e 14 centros de coñecemento galegos, dando emprego a preto de 830 profesionais e mobilizando máis de 152M€.
Tres liñas de investigación en moluscos
Un exemplo disto é precisamente a Unidade mixta que ANFACO-CYTMA está a desenvolver coas empresas Lagumar Seas e Angulas Aguinaga (ambas do grupo vasco Angulas Aguinaga) para a mellora dos procesos de produción de mexillón e polbo, incorporando tecnoloxías avanzadas e dixitalización, cun investimento de 1,8M€.
Na visita, o conselleiro puido coñecer de primeira man as tres liñas de investigación que se están levando a cabo nesta Unidade mixta e que abordan a mellora nos procesos de semente destes moluscos, de calidade e de seguridade na transformación dos mesmos (que inclúe procesos depurativos con microalgas) e a integración de ferramentas de intelixencia artificial para a toma de decisións e xestión de datos no proceso produtivo.
Dado o carácter estratéxico da industria do mar e do medio mariño para Galicia a nivel económico e social, Román Rodríguez salientou que as unidades mixtas de investigación demóstranse como “unha ferramenta clave para modernizar e impulsar toda a cadea de valor do sector, desde a produción ata a transformación e a comercialización”.
O conselleiro agradeceu, ademais, a participación activa de ANFACO-CYTMA nas iniciativas tecnolóxicas impulsadas pola Xunta de Galicia. Non en balde, desde 2014, este centro tecnolóxico impulsou cinco Unidades mixtas en cooperación co tecido empresarial co obxectivo de desenvolver actividades de I+D+i estratéxicas para Galicia, impulsar a transferencia de I+D ao tecido produtivo e atraer empresas cara Galicia.
Tamén participa na Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia, que agrupa a sete centros tecnolóxicos galegos, e no Hub de Innovación Dixital DATAlife, que está a impulsar a transformación dixital das pemes de sectores como agro-mar-alimentación, forestal-madeira, biotecnoloxía e coidados-saúde.