Medio Rural aproba os cambios para adaptar os viños Ribeiras do Morrazo á realidade produtiva e vitivinícola da zona
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que oficializa a modificación do prego de condicións desta Indicación Xeográfica Protexida
Introdúcense cambios que afectan á gradación alcohólica, á acidez, á descrición organoléptica dos viños, aos rendementos tanto na elaboración como na produción, así como á caracterización dos terreos de cultivo
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria pola que se aproba unha modificación do prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo, coa que se busca adecuar a súa normativa á realidade actual. A modificación introduce cambios en varios aspectos técnicos e produtivos, co fin de axustarse á diversidade das castes cultivadas, ás novas técnicas enolóxicas e ás condicións actuais da viticultura na zona.
En primeiro lugar, redúcese en medio punto a gradación alcohólica adquirida e total mínima para os viños brancos, que pasa a ser de 11 %. Este cambio responde ás características dalgunhas castes autorizadas, que acadan o seu punto óptimo de madurez cun grao alcohólico inferior ao actual, así como á crecente demanda de viños con gradación moderada.
No ámbito da acidez, modifícanse os límites máximos de acidez volátil, que pasan a ser de 18 miliequivalentes para viños brancos e 20 miliequivalentes para os tintos. Esta revisión xustifícase pola tendencia a elaborar viños que permanecen máis tempo en depósito —ben en madeira ou aceiro— sobre lías finas, o que pode aumentar a acidez volátil sen comprometer a calidade.
Tamén se fixeron cambios na descrición organoléptica dos viños para reflectir mellor a variedade de perfís posibles coas castes autorizadas. O obxectivo deste cambio é ofrecer unha definición máis representativa dos viños amparados pola IXP.
En canto aos rendementos na elaboración, increméntase o límite máximo ata os 70 litros de viño por cada 100 kg. de uva para variedades brancas e 72 litros para as tintas. Esta modificación responde aos avances tecnolóxicos na extracción de mosto, que permiten unha maior eficiencia sen perder calidade.
Revisáronse tamén os rendementos produtivos máximos de uva por hectárea, que se establecen en 12.000 kg. para variedades brancas e 10.000 para as tintas. En consecuencia, os rendementos máximos de viño por hectárea sitúanse en 8.400 litros e 7.200 litros, respectivamente. A modificación ten como finalidade axustarse á realidade produtiva da zona, onde nalgunhas campañas se acadan valores superiores aos actuais sen afectar á calidade final do viño.
Por último, tamén se fixeron cambios na caracterización dos terreos onde se poden cultivar os viñedos. Suprímese o límite de altitude máxima (300 metros) que figuraba no prego de condicións. Esta medida recoñece a existencia histórica de viñedos en cotas superiores e o potencial destas zonas para producir viños máis aromáticos e menos sensibles a enfermidades, sendo ademais unha práctica recomendable para adaptarse ao cambio climático.