A construción do novo Cesga será o primeiro proxecto estratéxico de investigación pública de Galicia
O conselleiro de Ciencia presenta as infografías do novo edificio do Centro de Supercomputación de Galicia coincidindo coa exposición pública do proxecto
Román Rodríguez sinala que a declaración que realizará a Xunta grazas a esta nova figura administrativa permitirá axilizar e simplificar ao máximo trámites e prazos
As obras comezarán en outubro coa previsión de rematar no verán de 2026
Cun investimento de 56 M€, o edificio terá novos equipamentos de vangarda, xa en licitación, para mellorar as súas capacidades, consolidar o seu liderado internacional, atraer novos fondos e investigadores e fomentar a I+D+i e a competitividade
Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe en Santiago o proxecto do novo edificio do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), coas primeiras infografías que permiten ver como será o resultado, un acto onde anunciou que a Xunta declarará a construción do novo Cesga como proxecto estratéxico de investigación de iniciativa pública de Galicia, unha nova figura creada este ano polo propio Goberno autonómico a través da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas “que permite axilizar o proceso e simplificar os trámites administrativos”. Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o titular de Ciencia puxo en valor esta medida “coa que se fará realidade a ampliación do Cesga no verán de 2026, nun tempo récord”.
A declaración de proxecto estratéxico, que deberá ser aprobada en Consello da Xunta, supón un impulso á construción do novo edificio do Cesga que se localizará no polígono da Sionlla ao simplificar os procedementos administrativos necesarios para a implantación. Para a declaración de proxecto estratéxico é necesario que o proxecto estea en exposición pública, o que se fará desde hoxe e ata o 24 de setembro. Con estas novas infraestruturas dáse un impulso a atracción de novos investimentos nacionais e internacionais e ao fomento da innovación, internacionalización e competitividade.
O representante da Xunta destacou a importancia destas actuacións ao “avanzar máis rapidamente na investigación e na innovación en eidos cun impacto relevante na vida das persoas grazas ao traballo que se realiza no Cesga”. “O centro -engadiu- contribúe a consolidar Galicia como un polo de referencia da I+D+i a nivel europeo e global”.
Funcionalidade e estética en 6.000 m²
Cun investimento total de 56 M€, as obras de construción do edificio -por un importe de 13 M€- comezarán no mes de outubro e realizaraas a empresa UTE Copasa-Dominion. Así se expuxo durante a presentación do proxecto, no que se deron a coñecer as primeiras imaxes do futuro Cesga. Concretamente, o novo edificio levantarase nunha parcela de máis de 9.100 m² na que se actuará sobre 5.900 m², dos que o edificio contará con 2.700 m² e os exteriores do centro 3.250 m².
A nova sede do Cesga busca ser un referente non só en canto á súa funcionalidade, senón tamén a nivel estético, tendo en conta aspectos ambientais e de eficiencia enerxética. Para iso, instalarase un sistema de climatización óptimo e acorde coas características técnicas singulares do centro, instalacións fotovoltaicas e sistemas para a monitorización e vixilancia, entre outros. Ademais, contará con diversos espazos como unha sala dedicada ao aloxamento de supercomputadores e equipamento de computación e almacenamento, diversos laboratorios e salas de experimentación, espazos para as reunións e recepción de visitantes ou almacéns, entre outras.
Novos equipamentos en marcha
O Cesga, centro mixto da Xunta e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), vaise converter nun lugar de referencia no ámbito nacional e europeo á vangarda en infraestruturas de computación así como no coñecemento sobre estas.
Para mellorar as capacidades do Cesga e consolidalo como un referente en computación en España e no mundo, dotaranse estas salas de novos equipamentos. Concretamente, albergará o novo supercomputador Finisterrae IV, un sistema de almacenamento e un computador cuántico licitados a pasada semana por un importe de 34 M€. No caso do supercomputador, proporcionará unha potencia adicional para cubrir necesidades de intelixencia artificial, mentres que a ampliación do almacenamento posibilitará albergar gran cantidade de datos de modo permanente. O novo computador cuántico, pola súa banda, supón outorgar ao Cesga novas capacidades e completar a súa actual oferta.
Xeración de coñecemento
O novo edificio, complementario á actual sede situada no campus universitario de Santiago, suporá un importante incremento da capacidade de cálculo e almacenamento científico, o que permitirá á comunidade científica galega e ao CSIC avanzar máis rápido na xeración de coñecemento e na innovación en áreas como a física de altas enerxías, a meteoroloxía, o deseño de fármacos ou a intelixencia artificial, entre outras materias.
Ademais, o novo edificio e o seu equipamento permitirán ao Cesga seguir mellorando os servizos que presta e que redundan nunha mellora da calidade de vida dos galegos, contribuíndo a fortalecer e ampliar as colaboracións que o centro mantén con empresas tractoras de diversos sectores e que resultan en melloras competitivas destas.