A xunta apoiará con case 10 M€ a creación e mellora das infraestruturas de investigación dos centros tecnolóxicos galegos

O Diario Oficial de Galicia publica mañá esta liña de axudas, que terá o prazo de solicitudes aberto ata o 29 de setembro

É unha das liñas de acción do programa Activa I+G+i, de apoio á colaboración entre empresas e á transferencia efectiva de resultados, cun investimento total de 53M€

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2025

Os centros tecnolóxicos galegos poderán solicitar a partir de mañá a convocatoria de Fortalecemento de centros tecnolóxicos, dotada cun orzamento de 9,75M€ distribuído en catro anualidades (ata 2028) para a creación e mellora de infraestruturas de investigación. Trátase dunha das accións do programa Activa I+G+i, de apoio á colaboración entre empresas e á transferencia de resultados, no marco do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.

O obxectivo desta liña de axudas que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, coa que se agarda unha mobilización público-privada de 19,5M€, é fortalecer os centros tecnolóxicos galegos mediante o apoio a investimentos para a creación e mellora de infraestruturas de investigación e de apoio á experimentación. Con esta mellora das súas capacidades, a Xunta de Galicia busca facilitar o seu crecemento potenciando a excelencia no ámbito internacional e reforzar as actividades de transferencia cara o tecido produtivo, especialmente pemes, para mellorar as súas capacidades.

Entre as novidades desta convocatoria destaca que os centros que acollen equipamentos financiados na convocatoria anterior poderán financiar este ano obras neses espazos sen necesidade de adquirir novo equipamento na solicitude, algo que en convocatorias anteriores si que debía ir parello. A convocatoria deste ano é a cuarta edición desta liña de axudas, que leva apoiado nas tres edicións anteriores un total de 19 proxectos cun investimento de case 20M€.

Construción, reforma, equipamentos...

Os centros tecnolóxicos poderán solicitar as axudas desde mañá e ata o 29 de setembro. As actividades subvencionables poderán ser investimentos en terreos, edificios ou instalacións para a construción, a reforma ou as adaptacións necesarias destas infraestruturas, sempre que a actuación inclúa a adquisición de equipamento científico-técnico, o que debe supor como mínimo o 30% do orzamento total da solicitude.

Ademais, serán subvencionables tamén custos de adquisición relacionados directamente coas infraestruturas como patentes ou licenzas ou outros dereitos de propiedade intelectual. Para que os centros tecnolóxicos poidan ser beneficiarios das axudas terase en conta a excelencia do centro, o grao de viabilidade na implementación da proposta e o seu impacto.

Activa I+G+i

Esta liña de axudas aos centros tecnolóxicos forma parte do programa Activa I+G+i de apoio á colaboración entre empresas e á transferencia efectiva de resultados, ao que a Xunta destina preto de 53M€ a través de catro grandes convocatorias: Nexos (28M€), Unidades Mixtas de Investigación (12M€), Fortalecemento de centros tecnolóxicos (9,75M€) e Recuperación da excelencia Neotec (3M€). Con este investimento, o Goberno galego agarda unha mobilización público-privada de máis de 100M€. As catro convocatorias atópanse actualmente abertas.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP pon o foco con estas axudas, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, nas pequenas empresas para potenciar unha I+D+i colaborativa e impulsar a transferencia de coñecemento para mellorar a vida da cidadanía.

Data de actualización: 20/08/2025