O Servizo Galego de Saúde convoca concurso-oposición para o ingreso como persoal estatutario fixo na categoría de traballador social
Ofértanse un total de 57 prazas nesta modalidade
O prazo de inscrición remata o 30 de setembro
No que vai de ano o Servizo Galego de Saúde publicou a convocatoria dos procesos selectivos para un total de 51 categorías de persoal estatutario e 2.746 prazas
Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, polo que se dá a coñecer a convocatoria do concurso-oposición para o ingreso na categoría de traballador social.
O número total de prazas ofertadas é de 57, das cales 24 son para a quenda de acceso libre, 29 de promoción interna e 4 pola quenda de discapacidade xeral.
As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán cubrir unha única solicitude de participación por categoría, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (FIDES/Expedient-e/Procesos/OPE). O prazo de inscrición de participación no proceso comeza o 29 de agosto e remata o 30 de setembro de 2025.
As persoas que participen neste proceso selectivo deberán posuír, na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e na toma de posesión como persoal estatutario fixo, os requisitos recollidos na resolución da convocatoria.
As persoas aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas cos procesos selectivos ás Unidades de Validación, ás Oficinas de Información de cada Centro ou ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.
No que vai de ano, o Servizo Galego de Saúde publicou a convocatoria dos procesos selectivos para un total de 51 categorías de persoal estatutario e 2.746 prazas. Os ditos procesos selectivos, mediante o sistema de concurso oposición, inclúen a categoría de enfermaría con 1.980 prazas, diversas especialidades de facultativo especialista de área con 426 prazas, diversas especialidades de enfermeiro especialista (260 prazas) e as categorías de persoal estatutario de sistemas e tecnoloxías da información (23 prazas).
Ata final de ano, está previsto que se convoquen procesos selectivos para diversas categorías de xestión e servizos e doutro persoal sanitario.