A Xunta licita a rehabilitación integral do Instituto Arcebispo Xelmírez II cun investimento de case 2 M€

O conselleiro presenta no centro o programa de actuacións, que contribuirán a mellorar o confort de alumnado e profesorado e a reducir o consumo un 80 %

Renovaranse máis de 2.500 m2 de cubertas e case 3.000 de fachada, 143 xanelas e 174 luminarias e cambiaranse as antigas caldeiras de gasoil por biomasa

O Goberno autonómico está a destinar 8,4 M€ á mellora e ampliación de 14 centros da capital galega a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, presentou hoxe o proxecto de rehabilitación integral do Instituto Arcebispo Xelmírez II, que contará cun investimento de case 2 millóns de euros e que hoxe mesmo sae a contratación. A previsión é que a obra poida comezar en decembro de 2025, cun prazo de execución de nove meses.

Segundo destacou o titular de Educación da Xunta, o obxectivo desta intervención é mellorar o día a día de alumnado e docentes, dotando o edificio de maior confort térmico e dunha mellor funcionalidade. Ao mesmo tempo, a actuación permitirá avanzar na eficiencia enerxética e, en consecuencia, reducir o consumo, arredor dun 80 %, un aspecto que constitúe un dos piares do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a estratexia coa que a Xunta está a modernizar o conxunto de centros educativos da Comunidade.

A renovación do inmoble dará resposta a problemas derivados da súa antigüidade. Nela inclúese a substitución dos 2.545 m2 de cuberta actual por outra de panel de sándwich illante con lá de roca, a renovación de 143 xanelas e 10 portas por novas de rotura de ponte térmico e dobre acristalamento e o cambio de luminarias por 174 luces LED de baixo consumo con sensores de presenza. Ademais, está previsto o cambio das antigas caldeiras de gasoil por catro equipos de biomasa con silo de almacenamento e novos colectores de calefacción, o que permitirá reducir notablemente o impacto ambiental.

A actuación tamén contempla a instalación dun sistema SATE con illamento exterior e acabado decorativo nos 2.903 m2 de fachada, a renovación da fontanería nos aseos da segunda planta, a colocación de falsos teitos en baños, vestiarios e salón de actos, a mellora da rede de saneamento e o pintado das paredes interiores afectadas polas novas carpinterías. Por último, tamén está contemplada a reparación da estrutura metálica da cuberta dos vestiarios, eliminando os óxidos e aplicando tratamento.

Román Rodríguez subliñou que, con esta actuación, “o Goberno galego atende as necesidades da comunidade educativa deste instituto e garante que o Xelmírez II poida dispoñer dunhas instalacións modernas, confortables e sostibles”.

Compromiso cumprido con Santiago

Román Rodríguez lembrou que a Xunta está a investir 8,4 millóns de euros na reforma, ampliación e modernización de 14 centros educativos de Santiago no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Entre as actuacións máis destacadas atópanse a ampliación do Instituto Eduardo Pondal, cun orzamento de 3 M€ xa en execución; a substitución das cubertas do Instituto A Pontepedriña e do Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago, tamén en marcha cun investimento de máis de 600.000 euros en conxunto, así como diversas obras de mellora de accesibilidade, cubrición de accesos e eficiencia enerxética no Colexio de Prácticas López Ferreiro por máis de 250.000 €.

Esta fase de obras completarase coa renovación das cubertas do Instituto Rosalía de Castro, que será tamén licitada antes de rematar este ano, cumprindo así o compromiso anunciado polo conselleiro a finais do ano pasado de realizar esta serie de actuacións.

Xunto a estas grandes intervencións, durante este verán tamén se levaron a cabo cinco obras de menor calado, pero moi necesarias e apreciadas polo alumnado e o profesorado no seu día a día, no marco do programa BEN_Estar 2025 con máis de 60.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2025