A Xunta convoca obradoiros informativos nas catro provincias sobre nexos, a maior convocatoria de axudas para proxectos colaborativos de I+D+i
As sesións serán no mes de setembro: o 3 en Lugo, o 4 en Ourense, o 9 en Pontevedra e o 10 na Coruña, antes do remate do prazo de solicitudes o 22 de setembro
A Consellería de Educación e Ciencia inviste 28 M€ para impulsar iniciativas entre empresas e centros de coñecemento en ámbitos estratéxicos
Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2025
A Xunta de Galicia organiza, a partir da vindeira semana, unha serie de obradoiros informativos nas catro provincias sobre o novo programa Nexos dotado con 28 M€, o que supón a maior contía destinada polo Goberno galego a unhas axudas para impulsar a I+D+i colaborativa entre empresas e co apoio de centros de coñecemento en ámbitos estratéxicos para a Comunidade.
Co obxectivo de resolver dúbidas e explicar todas as características desta convocatoria a potenciais interesados en optar a ela, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP celebrará unhas xornadas nas que poderán coñecer a fondo esta nova liña de apoio e resolver posibles dúbidas. Levaranse a cabo en colaboración coas respectivas confederacións empresarias, cuxa sedes acollerán estes encontros.
En concreto, o 3 de setembro será a sesión de Lugo na Confederación de Empresarios de Lugo (11,00 horas na praza de Santo Domingo, 6 -2º), o 4 de setembro en Ourense na Confederación Empresarial de Ourense (11,00 horas na praza das Damas, 1), o 9 de setembro en Vigo na Confederación Empresarial de Pontevedra (11,00 horas na rúa García Barbón, 104-1) e o 10 de setembro na Coruña na Confederación de Empresarios de A Coruña (11,00 horas na praza de Luís Seoane, 1, A). Para participar é preciso rexistrarse previamente a través desta ligazón da Axencia Galega de Innovación.
Nestas sesións tamén se lle facilitará aos asistentes apoio para solicitar estas axudas, cuxo prazo aberto permanecerá aberto ata o 22 de setembro. Poderán beneficiarse delas as agrupacións de entre tres e seis empresas –principalmente pemes– que realicen proxectos de I+D+i en colaboración. O obxectivo de Nexos, que abrangue catro anualidades ata 2028, é fomentar a cooperación a través de proxectos de I+D+i entre pemes e demais axentes do eido da investigación e innovación. A convocatoria prevé chegar a 50 proxectos e 200 beneficiarios e, así, mobilizar preto de 47 M€.
Ámbitos estratéxicos
Entre as novidades desta convocatoria destaca a priorización dun número reducido de ámbitos temáticos e a incorporación de custos simplificados na xustificación das axudas. Con ela, o Goberno autonómico quere impulsar a competitividade do tecido produtivo galego a través da I+D+i en beneficio da sociedade.
A tipoloxía de proxectos subvencionables poden ser de investigación industrial, desenvolvemento experimental ou innovación organizativa ou en material de procesos. Priorizaranse aqueles que se inclúan nalgún dos seguintes ámbitos estratéxicos para Galicia: agroalimentación, benestar e saúde, economía circular e enerxía ou fabricación avanzada. No caso de que o proxecto presentado non se encadre en ningún dos ámbitos estratéxicos preferentes, clasificarase en “outros ámbitos”. Deste xeito, garántase que os mellores proxectos de cada un destes ámbitos estratéxicos acaden financiamento.
Programa Activa I+G+i
Esta liña de axudas enmárcase no programa Activa I+G+i de apoio á colaboración entre empresas e á transferencia efectiva de resultados, ao que a Xunta destina preto de 53 M€ a través de catro grandes convocatorias actualmente abertas: Nexos (28 M€), Unidades Mixtas de Investigación (12 M€), Recuperación da excelencia Neotec (3 M€) e Fortalecemento de centros tecnolóxicos (9,75 M€). O prazo de solicitude para as tres primeiras convocatorias está aberto ata o 22 de setembro e para a última ata o día 29.
A través destas axudas, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, a Consellería de Ciencia pon o foco nas pequenas empresas para potenciar unha I+D+i colaborativa e impulsar a transferencia de coñecemento para mellorar a vida da cidadanía. Con este investimento, enmarcado no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, o Goberno galego agarda unha mobilización público-privada de máis de 100 millóns de euros.