A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Salvaterra de Miño o Espazo Termal Teáns
Lorenzana subliña a mellora dos espazos termais de uso lúdico como un revulsivo para a dinamización económica dos concellos galegos
Lembra que a Xunta acaba de poñer en marcha a 3ª edición do programa de axudas para a mellora dos espazos termais de uso lúdico en Galicia que conta cunha partida de 750.000 euros
Anuncia que o prazo de solicitude abre a vindeira semana
A conselleira destaca que o obxectivo é fomentar a actividade termal na Comunidade e revitalizar estes espazos de ocio
Salvaterra de Miño (Pontevedra), 4 de setembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que a mellora dos espazos termais de uso lúdico supón un revulsivo para a dinamización económica dos concellos de Galicia que contan con este tipo de recursos, ademais dun incentivo para o turismo local. “Trátase dunha actividade económica que pode revitalizar aos concellos desde o punto de vista turístico”, dixo.
Lorenzana visitou esta mañá o Espazo Termal Teáns no municipio pontevedrés de Salvaterra de Miño, que alberga as termas ao aire libre máis grandes de toda a Comunidade autónoma e que foi perceptor das axudas do Goberno galego para levar a cabo actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora de instalacións termais.
Neste marco, explicou que a Xunta acaba de poñer en marcha a 3ª edición deste programa de axudas para a mellora dos espazos termais de uso lúdico en Galicia ao que se destina unha partida de 750.000 euros e “cuxo prazo de solicitude abre a vindeira semana”, anunciou. “Queremos que pouco a pouco os municipios poidan ir modernizando e mellorando as infraestruturas termais”, sinalou.
A titular de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana destacou ademais, que o obxectivo destes apoios é “fomentar a actividade termal mediante a realización de actuacións dirixidas ao acondicionamento deste tipo de instalacións”.
As axudas
A nova convocatoria que se abrirá o vindeiro 11 de setembro ten carácter plurianual (2025 e 2026) e contará cun orzamento de 750.000 euros.
As axudas, de concorrencia non competitiva, están dirixidas ás entidades locais galegas que conten co título habilitante para o aproveitamento lúdico das augas termais. Entre as actuacións subvencionables están a adquisición e instalación de caudalímetros, sistemas de bombeo ou equipos de medición; colocación de sinalética; obras de acometida e canalización de augas; melloras de espazos verdes, instalacións de lecer e das condicións de accesibilidade e seguridade; así como actuacións en vestiarios, duchas e aseos e mesmo en peches perimetrais. A intensidade de axuda manterase no 80 % e o importe máximo nos 200.000 euros.
Galicia foi pioneira en España coa Lei de aproveitamento lúdico de augas termais, aprobada no ano 2019, ao impulsar un crecemento ordenado e seguro deste sector, tendo en conta que nos últimos anos a demanda deste tipo de turismo xerou a proliferación de proxectos turísticos relacionados con augas termais con finalidade lúdica e a configuración dun novo mapa termal en Galicia.