Galicia consolídase entre as comunidades autónomas nas que máis medra o emprego en I+D no último ano

Un informe da Fundación Cotec para la Innovación coloca a Galicia en terceira posición en España cun aumento do 6,3% no último ano fronte a media estatal do 4%

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2025

Galicia sitúase entre as comunidades autónomas onde máis medra o emprego en I+D segundo o informe Indicador adelantado de Cotec que vén de publicar a Fundación Cotec para la Innovación no marco do seu observatorio sobre o período de xullo de 2024 a xullo de 2025.

Concretamente, Galicia incrementa nun 6,3% o emprego en I+D cun aumento en termos absolutos de 341 persoas, situándose como terceira comunidade na que máis medra este indicador, só por detrás da Rioxa e Castela-A Mancha. Este ritmo de crecemento é superior á media estatal do 4% e ao daquelas autonomías líderes en I+D, como Cataluña (5,3%) ou Madrid (2,4%). Polo tanto, Galicia medra 2,3 puntos máis que a media estatal.

Este dato, baseado na evolución diferencial dos afiliados á Seguridade Social, “permite anticipar en que rexións o gasto en I+D podería estar avanzando con maior intensidade, aínda que convén subliñar que esta é só unhas das variables consideradas na estimación”, segundo recolle o informe elaborado pola Fundación Cotec en colaboración co Centro de Predición Económica e a profesora Eva Senra da Universidade de Alcalá.

O informe, que fai unha estimación adiantada dos datos oficiais sobre o investimento en I+D en España que o Instituto Nacional de Estatística (INE) publica anualmente durante o mes de novembro, anticipa un crecemento robusto do gasto en I+D en España, pero con indicios de desaceleración e un dinamismo no emprego en I+D.

Case 14.000 persoas dedicadas a I+D

Os datos de emprego en I+D en Galicia publicados confirman a tendencia amosada na última estatística do INE relativa a 2023, que recollía un incremento do 12,2% respecto ao ano anterior, por riba da media estatal do 7,2%, ata acadar as 13.856 persoas.

Estas cifras reflicten a tendencia ascendente de Galicia neste eido, unha prioridade para a Xunta como constata o Plan galego de investigación e innovación 25-27. Neste senso, somos a comunidade que máis incrementou en 2023 o investimento en I+D, con un 28% máis, ata case os 963 M€, o que supón duplicar o incremento do conxunto do Estado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2025