A Xunta financia con 29 M€ a actividade científica de 149 grupos e proxectos de investigación
A Consellería de Educación apoia os equipos máis competitivos do sistema da I+G+i: 65 na USC, 35 na UVigo, 27 na UDC e 22 noutras entidades de investigación
Con esta nova inxección, o investimento en vigor por parte do Goberno galego supera os 119 M€, con 485 grupos en activo, o máximo histórico
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2026
A Xunta de Galicia continúa co apoio á actividade dos grupos de investigación máis competitivos da I+G+i. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución destas axudas, cunha inxección de 29 M€ para 149 grupos e proxectos de investigación para o período 2026-2030.
A Conselleria de Educación, Ciencia, Universidades e FP financia o funcionamento estrutural e estable destas 149 agrupacións, das que 127 desenvolven a súa actividade nas tres universidades públicas galegas (65 na de Santiago de Compostela, 35 na de Vigo e 27 na da Coruña), mentres que as 22 restantes o fan noutros organismos científicos públicos de investigación de Galicia. Concretamente, estes últimos desenvolven os seus traballos nas fundacións galegas de investigación sanitaria (10 no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, dous na Fundación Pública Galega Biomédica na Coruña-INIBIC e un na Fundación Pública Galega Biomédica Galicia Sur), así como nos centros do Consello Superior de Investigacións Científicas radicados en Galicia.
O obxectivo desta liña, o programa nuclear da Xunta no financiamento da I+D+i, é asegurar un financiamento estrutural e continuado, en base a criterios de calidade, que garanta unha partida basal dos grupos científicos excelentes do sistema galego de investigación para desenvolver o seu labor de xeito estable e cunha liberdade de acción suficiente para reorientalo de ser o caso.
Neste sentido, o Goberno galego ten en vigor un investimento que supera os 119 M€, o que garante que actualmente haxa 485 grupos en activo cunha actividade investigadora constante, o máximo histórico acadado ata o de agora.
Apoio en todas as fases
A convocatoria resolta inclúe o apoio a Grupos de Referencia Competitiva (Modalidade A), grupos de elite cunha traxectoria moi consolidada e liderados por cientificos recoñecidos; a Grupos de Potencial Crecemento (Modalidade B), que aínda se están formando e con traxectorias investigadoras incipientes en procura da excelencia, e a Proxectos de Persoal Investigador con traxectoria excelente (Modalidade C), proxectos para investigadores de alto impacto, pero que non están liderando grupos.
Este ano benefícianse un total de 55 grupos de referencia competitiva (Modalidade A). Deles, 49 nas universidades públicas galegas e seis noutros organismos de investigación, que reciben entre 200.000 e 400.000 euros en función dunha contía estrutural e outra variable asociada á súa evolución e xeración de recursos. Estas agrupacións caracterízanse por bos índices de publicacións científicas, un nivel de captación de recursos elevado e competitivos a nivel estatal e en moitos casos internacional.
Os grupos con potencial crecemento (Modalidade B) son os que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos, e que están na senda de ser grupos de referencia. Neste caso hai 53 beneficiarios (44 grupos nas universidades e 9 noutras entidades), que disporán de axudas ao longo de tres anos cunha contía máxima que oscila entre os 90.000 e os 120.000 euros para o periodo.
Na Modalidade C, destinada ao financiamento de proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, benefícianse un total de 41 iniciativas (34 delas nas universidades galegas e sete noutras entidades investigadoras). Neste caso refórzase o labor dos científicos máis activos do sistema que obtiveron unha axuda do programa Ramón y Cajal, do Juan Rodés e do Miguel Servet, os máis prestixiosos de Europa e de España, respectivamente.
As axudas das tres modalidades van destinadas ao custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar, ferramentas de xestión do coñecemento e a información, pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico e matrículas e inscrición en cursos, congresos e seminarios e estadías, entre outros.
Plan galego de investigación e innovación
Esta acción forma parte da aposta decidida do Goberno galego pola Ciencia, algo que queda latente no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, dotado con 1.310 M€ e que se centra, entre outras áreas, no talento. Neste eido, precisamente, as axudas de apoio aos grupos de investigación son un dos piares do apoio á investigación no noso territorio, xunto coas axudas a contratos predoutorais e posdoutorais. De feito, a Xunta ten actualmente en vigor un investimento de 268 M€ dedicado á contratación de persoal ao abeiro destas.