A Xunta pon en valor a Sociedade Parroquial de Vedra en Bos Aires co gallo do seu 115º aniversario
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou o compromiso desta entidade coa preservación e transmisión interxeracional da cultura galega
Bos Aires (A Arxentina), 7 de setembro de 2025
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado polo delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, participou hoxe na celebración do 115º aniversario da Sociedade Parroquial de Vedra en Bos Aires, onde trasladou o seu recoñecemento ao traballo que a entidade vén desenvolvendo desde hai máis dun século.
Miranda destacou que a Sociedade de Vedra “é un exemplo do que significa a galeguidade viva: unha entidade que soubo adaptarse aos tempos sen renunciar ás súas raíces, mantendo o espírito de comunidade e o vínculo coa terra”.
Durante o acto, no que participaron tamén o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, e representantes da colectividade galega na Arxentina, houbo espazo para a música, a gastronomía tradicional e a emoción compartida entre distintas xeracións de galegos.