O delegado territorial visita a bodega Os Areeiros para coñecer de primeira man as sensacións dos viticultores nesta campaña de vendima

Reguera destacou a importancia do sector vitinícola que, máis alá do seu importante impacto económico, “é clave para entender a cultura e a identidade galega”

A Xunta destinou máis de 10 millóns de euros para a reestructuración e reconversión de viñedos, o apoio á elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e a promoción do viño galego en mercados internacionais

Vilaboa (Pontevedra), 15 de setembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da bodega OS Areeiros, no concello de Vilaboa.

Reguera achegouse ao lugar en plena campaña de vendima, para coñecer de primeira man as sensacións dos viticultores, ante unha campaña que ven de forma optimista.

O delegado territorial aproveitou a visita para trasladar o apoio da Xunta a un sector que, “máis alá do seu importantísimo impacto económico, é clave para entender a cultura, a identidade e a riqueza inmaterial de Galicia e que goza dunha saúde moi boa grazas á labor e o traballo incansable dos millares de traballadores e traballadoras que cada ano se esforzan por ofrecer un produto de primeiro nivel”.

Neste sentido, cabe destacar que o goberno galego, a través da consellería de Medio Rural, destinou este ano máis de 10 millóns de euros para a reestruturación e reconversión dos viñedos, o apoio á elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e á promoción do viño galego en mercados internacionais.

En concreto, no referido á reestruturación e reconversión dos viñedos, a Xunta destina catro millóns de euros para este fin, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (Feaga). Estes fondos teñen como obxectivo mellorar a competitividade do sector, adaptarse ao cambio climático e avanzar cara unha produción máis sostible.

Ademais, investiranse 4,5 millóns de euros para mellorar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, reforzando a rendibilidade e a profesionalización do sector. Outros 1,7 millóns de euros estarán dispoñibles para impulsar a presenza do viño galego en mercados de terceiros países, unha liña de apoio especialmente relevante nun contexto de incerteza comercial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2025