A conselleira do Medio Rural participou hoxe na inauguración da 63ª Reunión Científica da Sociedade Española de Pastos
María José Gómez destaca as 1.930 hectáreas mobilizadas e o investimento de 10,5 M€ ao abeiro do Plan de Pastos dende o ano 2020
A través deste orzamento puideron levarse a cabo 80 pasteiros; unha cifra á que hai que engadirlle outras 519 hectáreas distribuídas en 26 novos pasteiros que estarán rematados cara finais de ano, cun orzamento adicional de 4 millóns de euros
Gómez definiu estes sistemas como un “elemento vertebrador” do medio rural que contribúe a manter o emprego, favorece a remuda xeracional e axuda a conservar prácticas tradicionais como a transhumancia ou o aproveitamento silvopastoril
Posteriormente, a titular de Medio Rural trasladouse ata o concello do Valadouro, onde coñeceu os traballos realizados no monte de Frexulfe, unha actuación que abrangue un total de 14,05 hectáreas na que se investiu algo máis de 176.400 euros
Lugo, 23 de setembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou esta mañá na inauguración da 63ª Reunión Científica da Sociedade Española de Pastos, que está a ter lugar hoxe na Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo. Alí, María José Gómez salientou as vantaxes que presentan os pasteiros para o medio rural galego e salientou tamén a “aposta decidida” da Xunta neste eido, cun investimento de 10,5 millóns de euros desde o ano 2020 e máis de 1.930 hectáreas mobilizadas no marco do Plan de Pastos de Galicia.
A conselleira sinalou que a través deste orzamento puideron levarse a cabo 80 pasteiros nos últimos cinco anos; unha cifra á que hai que engadirlle outras 519 hectáreas distribuídas en 26 novos pasteiros que estarán rematados cara finais de ano, cun orzamento adicional de 4 millóns de euros.
María José Gómez definiu estes sistemas como un “elemento vertebrador” do medio rural que contribúe a manter o emprego, favorece a remuda xeracional e axuda a conservar prácticas tradicionais como a transhumancia ou o aproveitamento silvopastoril. Ademais, puxo de relevo o seu labor dende o punto de vista ambiental, ao actuar como ecosistemas de alta biodiversidade que desempeñan funcións esenciais como sumidoiros de carbono, protección do solo fronte a erosión ou reguladores do ciclo da auga e de prevención fronte aos incendios forestais.
Neste sentido, puxo en valor o foro organizado pola Sociedade Española de Pastos, xa que a investigación é un “aliado fundamental” dos pasteiros, ao representar unha maneira de producir alimentos con menor dependencia de combustibles fósiles e con maior respecto polos ecosistemas. Referiuse a este congreso académico como “un foro de transferencia de coñecemento” entre universidades, centros de investigación, administracións, gandeiros e xestores do territorio; no que compartir innovación e boas prácticas.
Pasteiro de Frexulfe
Posteriormente, María José Gómez trasladouse ata o concello do Valadouro, onde coñeceu os traballos realizados ao abeiro do Plan de Pastos no monte de Frexulfe. A actuación abrangue un total de 14,05 hectáreas na que se investiu algo máis de 176.400 euros. Con este orzamento puideron levarse a cabo todos os labores necesarios para a posta en marcha deste pasteiro, como poden ser a súa implantación, a construción da manga de manexo, a execución do peche perimetral e o subministro de bebedoiros, entre outros.
Deste xeito, a conselleira incidiu en que estes pasteiros son un modelo de aproveitamento do territorio sustentable e compatible coa preservación do patrimonio natural. Así mesmo, xogan un papel fundamental á hora de favorecer a gandaría en extensivo. De feito, a Mancomunidade de Montes en Man Común integra 14 propietarios, que na actualidade reúnen unhas 300 cabezas de gando vacún en extensivo.