Lorenzana aborda con Ceaga a situación actual do sector da automoción e reitera a necesidade de adoptar medidas urxentes para facilitar a transición cara o vehículo eléctrico

 A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, tamén repasou as actuacións incluídas no marco do Plan Director, ao que a Xunta ten previsto destinar máis de 230 millóns de euros ata o ano 2027

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con responsables da Fundación Clúster da Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga) para analizar a situación actual que atravesa este sector. Un encontro no que Lorenzana volveu reclamar a necesidade de adoptar medidas urxentes para facilitar a transición  cara o vehículo eléctrico e facer fronte á complicada situación que está a atravesar unha industria que representa o 15,7 % do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia e xera 23.600 empregos directos, o 14,10 % do emprego industrial da Comunidade.

No transcurso da xuntanza tamén se fixo un repaso ás medidas incluídas no Plan Director da Automoción, unha ferramenta que naceu da colaboración público-privada e que constitúe a folla de ruta do Goberno galego para os vindeiros anos.  O plan desprégase en torno a dous obxectivos estratéxicos, cinco eixes e sete ámbitos de prioridades con 67 medidas que se desenvolverán ata o ano 2027 de apoio ao sector da automoción por parte das distintas consellerías da Xunta de Galicia. E para levalo a cabo destinaranse máis de 230 millóns de euros no período 2024-2027.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2025