María José Gómez define o premio 'Mulleres da galeguidade' como un tributo á forza, á resistencia e ao compromiso do colectivo feminino do rural galego
A conselleira do Medio Rural recibiu en Barcelona este recoñecemento, que outorgan as asociacións Amigos de San Froilán e Xuntanza de Catalunya no marco da celebración das festas de San Froilán no distrito de Nou Barris da cidade
Lembrou que o rural ofrece oportunidades, servizos e calidade de vida, algo que se promove desde a Xunta de xeito transversal
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, recibiu esta tarde en Barcelona o Premio Mulleres da Galeguidade, que outorgan as asociacións Amigos de San Froilán e Xuntanza de Catalunya. No marco da celebración das festas de San Froilán no distrito de Nou Barris desta cidade, a titular de Medio Rural definiu este recoñecemento como “un tributo á forza, á resistencia e ao compromiso das mulleres galegas, especialmente aquelas que, desde o rural, construíron a nosa historia e a nosa identidade”.
A conselleira lembrou o vínculo galego coa emigración e puxo tamén en valor o papel que tiveron e teñen, en lugares como Barcelona, asociacións como as organizadoras deste premio na preservación e difusión da cultura galega. Así, destacou que grazas ao seu traballo as novas xeracións de galegos e galegas nadas fóra puideron coñecer as tradicións, a lingua e os valores propios de Galicia.
Gómez reafirmou o compromiso do Goberno galego no fortalecemento e apoio ao medio rural, no que as mulleres xogan un papel fundamental, segundo destacou. A conselleira insistiu en que o rural galego ofrece oportunidades, servizos e calidade de vida, algo que se promove desde a Xunta de Galicia de xeito transversal.