A Xunta detecta dous novos focos de gripe aviaria en aves silvestres nos concellos de Ordes e Ribeira
Corresponden a dous exemplares de gaivota patiamarela (Larus michahellis) recollidas en ambos municipios coruñeses e trasladados ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático de Oleiros, A Coruña
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2025
A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de dous exemplares de ave silvestre afectados por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).
Trátase de dúas gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) atopadas en Ordes e Ribeira, na provincia da Coruña, e que foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros (A Coruña). As aves foron mostrexadas para proceder á análise laboratorial, eliminándose os cadáveres conforme á normativa en vigor. Con estes dous focos, son oito en total os confirmados en aves silvestres na nosa Comunidade Autónoma no 2025.
Actualmente en Galicia non hai medidas especiais de restrición, agás as de prevención sanitaria aplicables aos concellos que pertencen ás denominadas Zonas de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa na provincia de Pontevedra; Cerceda, Ordes e Tordoia na provincia de A Coruña; e Xove na de Lugo), medidas relacionadas fundamentalmente coas condicións de cría de aves ao aire libre e á celebración de concentracións de aves. Dependendo da evolución da situación epidemiolóxica, revisada semanalmente en base a indicadores de risco epidemiolóxicos, estas medidas poderían modificarse e/ou estenderse a outras zonas.
Medidas de bioseguridade
Dada a relevancia do sector avícola en Galicia, desde a Consellería do Medio Rural vólvese insistir na importancia de reforzar as medidas de bioseguridade das explotacións avícolas, tanto das industriais como das familiares, especialmente as destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia das aves domésticas e silvestres, comunicando de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais calquera sospeita da enfermidade. No caso das aves silvestres esta comunicación pódese levar a cabo a través do teléfono de atención á cidadanía 012.
Cómpre lembrar que o serotipo vírico detectado (H5N1) ten demostrado un escaso carácter zoonótico, aínda que por un principio básico de bioseguridade recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e comunicar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Situación en España
Con respecto á situación en España, o número de focos no presente ano ascende a 44 en aves silvestres (en Andalucía, Asturias, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Estremadura, País Vasco e máis os citados en Galicia). Téñense detectado ademais dous focos en aves criadas en catividade (no País Vaso e en Andalucía) e nove en aves de curral (1 Estremadura, 2 Castela-A Mancha, 2 Andalucía, 3 en Castela e León e 1 en Madrid).
Coa notificación do primeiro foco en aves de curral detectado en Estremadura en xullo deste ano, España perdeu o status de país libre de Influenza aviaria, o que tivo como consecuencia a adopción por parte dalgúns países terceiros de restricións ás exportacións de aves e produtos de orixe aviaria, situación que continúa na actualidade, xa que nesta semana notificáronse tres focos en granxas de galiñas poñedoras en Castela e León e Madrid. Con respecto á notificación destes focos en Galicia, ao tratarse de aves silvestres, non supón restricións adicionais ás que estaban en vigor.