Medio Rural destina máis de 21 M€ á sanidade vexetal entre 2022 e 2026 como aposta estratéxica para seguir impulsando o sector
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias compareceu na Comisión 7ª do Parlamento, a petición propia, para dar conta das medidas da Xunta nesta materia e respondeu tamén unha pregunta sobre seguros agrarios
Pola súa parte, o director xeral de Defensa do Monte asegurou que a inmensa maioría das recomendacións recollidas no ditame da Comisión parlamentaria de 2018 sobre incendios forestais foron aprobadas e están a ser executadas polo Goberno galego
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2025
A Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, destina no período 2022-2026 máis de 21 millóns de euros á sanidade vexetal. Así o destacou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, na súa comparecencia, a petición propia, para informar sobre esta cuestión na Comisión 7ª do Parlamento. Na súa intervención, Balseiros explicou que a relevancia da agricultura en Galicia esixe tamén dunha sanidade vexetal de primeiro nivel, con controis sistemáticos que garantan o bo estado dos cultivos e a seguridade dos consumidores.
Nesta mesma liña, o director advertiu que o cambio climático está a elevar as temperaturas medias, a cambiar os patróns das precipitacións e a provocar eventos climatolóxicos fóra do seu tempo, o que redunda en maiores problemas para os cultivos. Isto, engadiu, favorece a aparición de novas pragas e enfermidades, ademais de propiciar a proliferación dalgúns organismos que non son novos na agricultura galega.
Neste contexto, segundo explicou Balseiros, Medio Rural leva a cabo os programas sanitarios oficiais de obrigado cumprimento, así como outros non obrigatorios, dirixidos á mellora do estado sanitario e produtivo das explotacións agrícolas. Así mesmo, a aparición de certas enfermidades implica restricións aos cultivos, a comunicación obrigatoria dos casos ou a destrución das plantas, entre outras medidas de obrigado cumprimento.
Os organismos nocivos sobre os que se actúa en materia de sanidade vexetal son a couza guatemalteca da pataca, a psila africana dos cítricos, o nematodo do piñeiro, a flavescencia dourada da vide e a rata toupa. Ademais, tamén se xestiona a avespiña Tamarixia dryi, que actúa como parasito na loita biolóxica contra a devandita psila africana dos cítricos. Na súa comparecencia, o director xeral debullou polo miúdo as diferentes actuacións e medidas adoptadas, de xeito cronolóxico, para facer fronte a todos estes organismos.
Seguros agrarios
Por outra parte, Balseiros respondeu unha pregunta sobre os seguros agrarios e lembrou que a Consellería do Medio Rural destinou, desde o ano 2017, máis de 60 millóns de euros a fomentar a subscrición de pólizas na nosa comunidade.
Ademais, o orzamento para esta finalidade foi medrando progresivamente, de forma que se no ano 2017 era de 4,62 millóns de euros, no 2025 chegou ata os 9,5 millóns. Isto, tal e como sinalou o director xeral, propiciou que o nivel de aseguramento das explotacións agrarias galegas aumentase de xeito significativo no referido período, tanto en superficie como en animais e capital. Así, segundo os datos aportados por Balseiros, a porcentaxe de incremento foi de case o 42 % en número de animais, do 56 % en capital e de preto do 72 % en superficie.
Cumprimento de medidas sobre incendios forestais
Pola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, explicou, en resposta a unha pregunta sobre o tema, que a inmensa maioría das recomendacións recollidas no ditame da Comisión parlamentaria de 2018 sobre incendios forestais foron aprobadas e están a ser executadas por parte da Xunta.
Asemade, Rodríguez indicou que a vixilancia dos lumes por parte do persoal, tanto fixa como móbil, compleméntase coa rede de cámaras de videovixilancia repartidas por todo o territorio, e que se mantén o compromiso do Goberno galego coa mellora constante de vehículos, maquinaria e equipos de protección individual (EPIs) para os profesionais do servizo de loita contra os incendios.