Medio Rural salienta o potencial do sector avícola dentro da economía galega

A conselleira María José Gómez clausurou a I Convención Campomayor organizada pola empresa lucense co obxectivo de dispor dun espazo que favorece a reflexión, diálogo e futuro dun ámbito estratéxico como é o ovo

Salientou a aposta pola innovación desta compañía que traballa con ovo pasteurizado e con ovo a baixa temperatura, o que supón xerar valor engadido en Galicia ao buscar produtos diferenciais

Lugo, 10 de outubro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou hoxe o potencial do sector avícola dentro da economía galega, xa que Galicia conta con máis de 2 millóns de galiñas e 94 explotacións que producen anualmente preto de 52 millóns de ducias de ovos. Así o trasladou no marco da I Convención Campomayor celebrada hoxe en Lugo e organizada por esta empresa avícola lucense.

Durante a súa intervención, salientou que este espazo favorece a reflexión, diálogo e futuro dun ámbito estratéxico para Galicia como é o ovo, un eido produtivo que está a medrar na nosa comunidade. Neste sentido, puxo en valor o papel de Campomayor na consolidación deste sector con máis de medio millón de galiñas poñedoras, o que sitúa a esta empresa como a principal produtora de ovos galega.

Gómez fixo fincapé na aposta pola calidade, a innovación e a sustentabilidade do sector primario co obxecto favorecer o desenvolvemento económico e social, pero tamén para dinamizar o territorio. Puxo como exemplo a esta empresa familiar que, no ámbito da innovación, comercializa ovo pasteurizado ou o ovo a baixa temperatura, o que supón xerar valor engadido en Galicia ao buscar produtos diferenciais.

Sobre a industria agroalimentaria galega, resaltou que segue a ser un piar fundamental da economía da nosa comunidade e do rural. Nesta liña, asegurou que manter a calidade característica destas producións axudará a enfrontar os retos dentro do sector.

Desde o Goberno galego, explicou, mantense un forte apoio ás empresas agroalimentarias con axudas destinadas ao investimento, á innovación e á comercialización para que poidan seguir innovando, atender as demandas de benestar animal e facer do campo un espazo cheo de oportunidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2025