Belén do Campo destaca a aposta de Vegalsa-Eroski pola promoción dunha alimentación saudable e sostible

A delegada da Xunta participou na inauguración da V Xornada de Alimentación Saudable organizada pola compañía baixo o lema Sabe que alimenta

A Coruña, 14 de outubro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, puxo en valor hoxe o compromiso de Vegalsa-Eroski coa saúde, a educación e a sostibilidade no marco da V Xornada de Alimentación Saudable organizada pola compañía baixo o lema Sabe que alimenta.

Durante a súa intervención a representante do Goberno galego destacou que o camiño cara a unha sociedade máis saudable pasa por fomentar bos hábitos alimentarios dende idades temperás e por promover o consumo de produtos de proximidade e de calidade que son a base da nosa identidade gastronómica e cultural.

A Xunta subliñou a importancia de apoiar o sector agroalimentario e pesqueiro galego que xera riqueza emprego e orgullo colectivo e recordou que o Executivo autonómico leva anos impulsando a calidade diferenciada a través das Denominacións de Orixe as Indicacións Xeográficas Protexidas a Agricultura e Gandaría Ecolóxica e a Artesanía Alimentaria.

Estes distintivos garanten a orixe e a excelencia dos produtos galegos demostrando que o que é de aquí tamén pode ser competitivo e admirado fóra das nosas fronteiras.

Programas educativos

A Xunta destacou a importancia do traballo de empresas como Vegalsa-Eroski que contribúen a acadar obxectivos comúns de promoción da saúde e do consumo responsable.

Belén do Campo referiuse concretamente ao programa Capitán Mareas que achegou aos máis novos o valor dos produtos do mar e o traballo das xentes do litoral galego educando en hábitos saudables é tamén educando en valores como o respecto pola natureza, a orixe dos alimentos e o esforzo da xente do mar.

Esta iniciativa contou co apoio da Consellería do Mar a través da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, no  marco da liña de actuación de difusión e promoción do consumo de pescado fresco e co respaldo dos Grupos de Acción Local de Pesca (Galp), das Confrarías de Pescadores, e co apoio do Principado de Asturias chegando a máis de 250 escolares de 9 centros educativos de Galicia, dos cales cinco foron da provincia da Coruña dos concellos de Laxe, Ribeira, Sada, e Ferrol e Fisterra, incluíndo visitas ás súas lonxas.

Galicia sabe AMAR e Bono Peixe

No ámbito das accións propias da Xunta a representante autonómica destacou dúas iniciativas clave por unha banda Galicia sabe AMAR é unha campaña que leva o mellor dos nosos pescados e mariscos a cada recuncho de Galicia promovendo o consumo de produtos do mar galegos e o orgullo pola nosa cultura mariñeira. Nos últimos dous anos esta campaña visitou todos os concellos da provincia da Coruña, ata en dúas ocasións, con presenza en festas, feiras, competicións deportivas e en preto dun cento de centros educativos.

Bono Peixe é unha acción que busca fomentar o consumo de peixe especialmente entre a mocidade, este programa rematou o pasado xoves, ao esgotarse os 2,5 millóns de euros que destinou a Xunta a esta medida pioneira. Entre as grandes cifras destacan os 750 establecementos adheridos, 146.000 consumidores beneficiarios e a xeración dun impacto en vendas de case 11 millóns de euros. Na provincia a da Coruña foron 63.000 os bonos utilizados, o importe gastado en descontos foi de 993.000 euros e os establecementos adheridos 290.

Plan Obesidade Zero

Belén do Campo referiuse tamén ao Plan Obesidade Zero, unha estratexia autonómica aprobada no ano 2022 cun horizonte temporal ata 2030, que ten como obxectivo principal reducir nun 15 % a prevalencia do exceso de peso e da obesidade infantil na comunidade galega. O plan está coordinado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, coa participación dos departamentos territoriais de Sanidade e a colaboración das consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

O Plan Obesidade Zero articúlase arredor de catro grandes eixos de actuación: a promoción da alimentación saudable e sostible, o fomento da actividade física e a redución do sedentarismo, a creación de contornas saudables e sostibles, e a sensibilización social e o reforzo do traballo en rede. Trátase dunha estratexia integral que busca mellorar a saúde da poboación galega desde a infancia e fomentar hábitos de vida equilibrados e duradeiros.

No marco deste plan impúlsanse diversas iniciativas innovadoras e complementarias dirixidas a distintos ámbitos da sociedade galega. Entre elas destaca Nutriescolas, un programa de educación nutricional nas aulas que promove hábitos alimentarios saudables e sostibles desde idades temperás. Inclúe actividades como hortas escolares, visitas a feiras e mercados, talleres de cociña e análise de etiquetas alimentarias. En Formación Profesional, a iniciativa Cociñando en Saúde integra os principios da dieta atlántica, a cociña tradicional galega e a sostibilidade alimentaria. Durante o curso 2024-2025 participan 45 centros, 461 aulas, 7.831 escolares e 506 docentes, mentres que para o curso 2025-2026 está prevista a participación provisional de 35 centros, 295 aulas, máis de 5.100 escolares e 354 docentes.

Tamén destaca Adestra Saúde, un programa que impulsa a creación de contornas escolares saudables e inclusivas, promovendo a alimentación equilibrada, a actividade física, a saúde emocional, a convivencia positiva e o benestar do alumnado. Complementariamente, a Rede de Escolas Promotoras de Saúde–Escola que medra sá aposta pola avaliación nutricional dos menús escolares a través do Programa P16, así como polo deseño dunha guía de menús veganos saudables. Esta rede reforza o papel da escola como un axente clave na promoción da saúde comunitaria e complementa a acción doutros programas como Nutriescolas e Adestra Saúde.

Así mesmo, o compromiso coa promoción da saúde esténdese tamén ao ámbito universitario a través do programa Universidades Promotoras de Saúde, que busca consolidar campus saudables nos que se integren políticas activas de alimentación equilibrada, actividade física, benestar emocional e sostibilidade ambiental.

Seguridade alimentaria

A representante do Goberno autonómico tamén puxo o foco nun aspecto esencial: a seguridade alimentaria, ferramenta fundamental para manter a saúde e o benestar da cidadanía. Os alimentos saudables deben ser, ademais, seguros, libres de substancias nocivas que poidan causar dano á saúde dos consumidores. A seguridade alimentaria susténtase na produción e manipulación segura dos alimentos, evitando a súa contaminación; no control dos produtos por parte dos operadores e da administración; no envasado e etiquetaxe que garanta unha información veraz e precisa; e no almacenamento e distribución que aseguren que só chegan ao consumidor alimentos aptos para o seu consumo. Neste sentido, resulta esencial o papel dos operadores alimentarios, como Eroski, que actúan como último elo da cadea alimentaria e garanten que os produtos dispoñibles para o público cumpren cos máximos estándares de calidade e seguridade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2025