O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, interviñeron na X edición do Fórum RIES que se celebra na Toxa

Gómez Caamaño destaca no fórum RIES 2025 a dixitalización da sanidade galega e o éxito de TELEA, que monitoriza xa máis de 23.000 pacientes

A plataforma Telea do Servizo Galego de Saúde foi recoñecida como boa práctica a exportar a outras rexións europeas no marco do proxecto CIRCE

Galicia é un polo de innovación en saúde, recoñecido internacionalmente polas iniciativas da Xunta en biomedicina, saúde dixital e atención integrada

O Grove (Pontevedra), 15 de outubro de 2025

 O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo de relevancia esta tarde a dixitalización da sanidade galega e o éxito da plataforma de teleasistencia Telea, que monitoriza xa máis de 23.000 pacientes.

O titular de Sanidade da Xunta e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participaron esta tarde na inauguración da X edición do Fórum RIES, que se celebra na Toxa.

No acto, Gómez Caamaño puxo de relevancia que esta plataforma foi elixida como unha das boas prácticas para exportar a outras rexións no marco do proxecto europeo CIRCE.

O conselleiro de Sanidade destacou que Galicia é un polo de innovación en saúde, recoñecido internacionalmente polas iniciativas da Xunta en biomedicina, saúde dixital e atención integrada.

Neste sentido lembrou a aposta do Goberno galego pola oncoloxía de precisión, coa posta en marcha do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas e coa futura apertura en 2026 do que será o primeiro centro de protonterapia da sanidade pública a nivel nacional.

Gómez Caamaño agradeceu a organización do Fórum RIES ao Clúster de Galicia e o seu traballo a prol do fomento da innovación, da sostenibilidade e da colaboración no ámbito sanitario.

Pola súa parte, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o potencial da nosa comunidade no eido do coñecemento, a tecnoloxía e a capacidade de anticiparse, “porque Galicia non imita, Galicia innova”.

O titular de Ciencia destacou o compromiso do Goberno galego co talento, a investigación e a innovación poñendo de exemplo a concesión da Factoría europea de intelixencia artificial ao Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), centrada na saúde e que conta cun investimento de 82 M€. “É un fito histórico que sitúa a nosa Comunidade na elite europea da innovación en IA aplicada á biomedicina”, engadiu Román Rodríguez sobre esta iniciativa, que inclúe a adquisición de infraestruturas de supercomputación avanzadas e unha plataforma experimental de IA optimizada.

Premios RIES 2025

Durante o encontro procedeuse á entrega dos premios RIES 2025. O Premio Innovación recaeu en KIUR-Advanced Cutaneous Evaluator (Fundación Gradiant), un sistema de apoio á toma de decisións clínicas para a selección de produtos para o tratamento local de feridas crónicas curables.

Flamingo Biolab (Flamingo Biomechanical Lab), unha startup cordobesa de investigación biotecnolóxica dedicada á creación de dixital twins para planificación cirúrxica, foi recoñecida co Premio Coñecemento.

O Premio Impacto nas Persoas recaeu en Peniche Living, de ATENDO, como resultado a 25 anos de traxectoria no sector sociosanitario. Atendo pon en marcha en Vigo un modelo pioneiro de atención e aloxamento: Peniche Living, unha alternativa á residencia de persoas maiores convencional.

O Premio Comunidade foi para AI-VIDDA, de BALIDEA, DOMUSVI, INOVA, HIFAS DA TERRA BIG FORMACIÓN E ADOC, polo seu proxecto de transformación dixital para a autonomía persoal e soidade non desexada.

E o Premio Revelación recoñeceu a AIDATAMED, do Grupo de Investigación IDARA do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Este proxecto xera datos clínicos sintéticos, creados con intelixencia artificial, que reproducen a estrutura e complexidade dos datos reais sen comprometer a identidade de ningunha persoa, datos que poden usarse en investigación, formación, simulación de casos ou adestramento de modelos de IA, con plena seguridade ética e legal.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2025