A Xunta investirá 37.000 euros na adquisición dun respirador con ventilación mecánica para uso pediátrico e neonatal para o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña
As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o 5 de novembro para presentar as súas ofertas
A ventilación mecánica constitúe unha ferramenta terapéutica esencial no manexo do paciente crítico, especialmente nas unidades de coidados neonatais e pediátricos
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2025
A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos Públicos, por medio da Consellería de Sanidade, a licitación, por importe de 37.500 euros, do subministro dun respirador con ventilación mecánica invasiva e non invasiva para uso pediátrico e neonatal na Unidade de Coidados Intensivos Pediátricos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o 5 de novembro para presentar as súas ofertas.
A ventilación mecánica constitúe unha ferramenta terapéutica esencial no manexo do paciente crítico, especialmente nas unidades de coidados neonatais e pediátricos, xa que o seu emprego permite garantir un adecuado intercambio gaseoso en pacientes con insuficiencia respiratoria aguda ou crónica.
Esta contratación resulta esencial para garantir a continuidade asistencial e a eficiencia clínica, mantendo os estándares de calidade e seguridade na atención respiratoria dos pacientes críticos deste centro da rede sanitaria pública galega.
A incorporación do novo equipo permitirá dispoñer de tecnoloxía adaptada ás esixencias clínicas actuais e aliñada coas recomendacións en soporte ventilatorio neonatal e pediátrico, considerando que este tipo de soporte ventilatorio require de equipos altamente sensibles e precisos.