O conselleiro de Sanidade, acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, realizou unha visita ao hospital público de Ribeira

Gómez Caamaño avanza que a comarca de Barbanza contará cunha nova ambulancia medicalizada a partir de 2026

Destaca que os orzamentos da Xunta para o vindeiro año destinan máis de 900 M€  para a área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, o que supón un incremento do 7,3 %

Subliña que, antes de que remate este ano, se licitará a redacción do proxecto do hospital de día oncohematolóxico

A Xunta tamén atenderá a demanda da mellora da eficiencia enerxética coa renovación das envolventes do edificio

Destaca a dotación dunha sala de raios e fin novo ecógrafo para o hospital, xa adxudicados, así como dun mamógrafo, para o que se reservan 326.000 euros en 2026

Ribeira (A Coruña), 23 de outubro de 2025.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano recollen unha partida de 460.000 euros para poñer en marcha no Hospital de Barbanza unha nova ambulancia medicalizada ao servizo desta comarca. 

O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, realizou unha visita ao Hospital Público de Barbanza, para estar co director do distrito sanitario, Hugo Pérez, e intercambiar impresións cos responsables médicos e a xunta de persoal.

O conselleiro amosou o compromiso do Goberno galego con este hospital e esta comarca, posto que os orzamentos da Xunta para 2026 destinan máis de 900 millóns de euros para a área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, o que supón un incremento do 7,3 % con respecto ao 2025, permitindo atender varias demandas e reforzando a capacidade do hospital para continuar a ofrecer unha atención sanitaria de máxima calidade.

En concreto, Gómez Caamaño dixo que o vindeiro a Xunta porá en marcha o proxecto para crear neste centro da rede do Sergas un hospital de día oncohematolóxico, co propósito de evitar que os pacientes de cancro desta comarca teñan que desprazarse a Santiago para as consultas máis rutineiras e para recibir os tratamentos máis sinxelos.

O conselleiro explicou que o seu departamento xa conta cun plan funcional, e que xa está reservado o espazo para que, antes de que remate este ano, se licite a redacción do proxecto para que o hospital de día comece a coller forma no 2026.

Para redactar o proxecto, a Xunta destinará ao redor de 100.000 euros aos que se engadirán outros 1,5 millóns de euros para a realización das obras.

Grazas aos orzamentos, a Xunta tamén acometerá outra actuación moi necesaria neste hospital, como é a mellora da eficiencia enerxética a través da renovación das envolventes do edificio, obra á que a Xunta destinará un millón de euros.

Así mesmo, a Xunta adquirirá un novo mamógrafo por medio dun investimento de máis de 326.000 euros, unha vez que cumpriu o compromiso de dotar un novo ecógrafo, estando xa adxudicado.

Importancia do labor dos hospitais comarcais

Na súa intervención no acto, o conselleiro destacou que os hospitais comarcais son pezas esenciais para garantir unha asistencia sanitaria de calidade e o deber da Xunta é apoialos e fortalecelos.

Ao respecto, o Goberno galego vén de adxudicar unha nova sala de raios robotizada para o Hospital de Barbanza que vai optimizar os procedementos de imaxe, mellorando a precisión diagnóstica. Este equipamento se complementa cun sistema de radioloxía portátil, xa adquirido, e que poderá comezar a funcionar en decembro logo dun investimento de 360.000 euros.

Recoñecemento aos profesionais e fortalecemento da primaria

Nas súas verbas, o conselleiro trasladou o seu recoñecemento ao conxunto de profesionais sanitarios que exercen nesta comarca, onde o aumento da poboación no verán, sumada á falta de especialistas, fai necesario un grande esforzo.

Gómez Caamaño dixo que o seu departamento quere fortalecer as capacidades da atención primaria neste municipio e, tendo en conta as dificultades para atopar profesionais sanitarios de determinadas especialidades, todas as prazas de médicos pasarán a ser consideradas de difícil cobertura.

Así mesmo, o conselleiro manifestou a súa prioridade de abordar a situación coa nova alcaldesa e analizar posibles medidas a curto prazo para gañar novos espazos no centro de saúde actual, mentres se definen solucións definitivas.

Para rematar a súa intervención, o máximo responsable do Servizo Galego de Saúde reiterou o compromiso da Xunta coa sanidade pública de Barbanza reflectida nos Orzamentos do Goberno galego para o vindeiro ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2025