A Xunta levará o programa ‘Que non te líen, ti elixes’ a máis de 90 de centros secundaria para fomentar a elección profesional libre de prexuízos de xénero
O Goberno galego vén de publicar a lista de beneficiarios da 4ª edición desta iniciativa impulsada polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Do total de centros seleccionados, 36 pertencen á provincia da Coruña, 27 á de Pontevedra, 16 á de Lugo e 12 á de Ourense
Como novidade, nesta edición introduciranse contidos relacionados coa presenza de homes en profesións consideradas tradicionalmente feminizadas, co obxectivo de rachar cos prexuízos ou estereotipos de xénero nas diferentes profesións
O obxectivo é seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados como o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro, o do metal ou as TIC, contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa
Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2025
A Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria da 4ª edición do programa Que non te líen, ti elixes, a primeira deste curso 2025-2026. Así, no marco desta iniciativa impulsada polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, un total de 91 centros de secundaria de toda a Comunidade acollerán charlas a prol de que as mulleres escollan profesión atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por prexuízos ou estereotipos de xénero.
En concreto, 36 dos beneficiarios pertencen á provincia da Coruña, 27 á de Pontevedra, 16 á de Lugo e 12 á provincia de Ourense. Todos son centros educativos galegos sostidos con fondos públicos onde estuda alumnado de 3º e 4º da ESO. A finalidade do programa é seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados como o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro, o do metal ou as TIC, contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa.
Así, nesta nova andaina do Que non te líen, ti elixes, as charlas didácticas e debates promovidos nos centros seguirán estando dirixidos por persoal de asociacións, fundacións e clústeres de sectores con escasa representatividade feminina, que porán sobre a mesa cuestións como as condicións laborais dos diferentes ámbitos profesionais, que constatan maiores salarios para os empregos que adoitan estar ocupados por homes. Tamén porán en valor mulleres referentes de éxito en ámbitos profesionais con reducida presenza feminina, para que poidan servir de exemplo ás novas xeracións.
Ademais, como novidade, nesta edición introduciranse nas actividades desta iniciativa contidos relacionados coa presenza de homes en profesións consideradas tradicionalmente feminizadas, co obxectivo de rachar cos prexuízos ou estereotipos de xénero nas diferentes profesións.
Balance das edicións anteriores
Coa posta en marcha da 4ª edición da iniciativa —que se completará cunha segunda convocatoria este curso—, a Xunta busca consolidar e reforzar os datos obtidos ata o momento, que continúan en crecemento, demostrando o interese que suscita o programa.
Así, na estrea do programa visitáronse uns 75 centros de ensino, situados en boa medida preto de institutos de formación profesional que ofrecen cualificación en familias de sectores tradicionalmente masculinizados. Na segunda edición alcanzáronse case 90 centros e, na terceira, sumando as dúas convocatorias do curso, un total de 174.