A Xunta destinará 12,5 M€ ao reforzo do equipamento de investigación e de innovación das universidades

Rueda resalta que a Xunta “incrementa nun 35% estas achegas” para dotar aos campus dos mellores recursos

Salienta que a Universidade de Santiago recibirá 5,1 M€, a Universidade de Vigo contará con 4 M€ e a Universidade da Coruña con 3,4 M€, o que supón 3,3 M€ máis que o pasado ano

Co obxectivo de mellorar os recursos innovadores destinados aos estudos de grao e mestrado, adquiriranse licenzas de software, simuladores ou equipos informáticos

Dotaranse os centros de investigación e servizos centrais de material para facilitar a súa actividade, incluíndo equipamento altamente especializado

Contarán con equipamento, como un sistema compacto de microscopia, un escáner láser para brazo de medición, cámaras de calor ou brazos robóticos, entre outros

Antes de que remate o ano vaise habilitar unha plataforma para que os centros de investigación poidan compartir equipos científico-técnicos

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello “acordou incrementar nun 35% as achegas ás tres universidades galegas para reforzar o equipamento de investigación”. En concreto, o Goberno autonómico destinará este ano máis de 12,5 M€ a esta liña de actuación, o que supón 3,3 M€ máis que o convenio do pasado ano. Segundo explicou, a Universidade de Santiago recibirá 5,1 M€, a Universidade de Vigo contará con 4 M€ e a Universidade da Coruñá con 3,4 M€.

Así mesmo, antes de que finalice o ano estará dispoñible unha plataforma para que os centros de investigación galegos poidan compartir equipos científico-técnicos, o que se traducirá na práctica nun mellor aproveitamento de sinerxías para un maior impacto dos proxectos de innovación e investigación que desenvolven. A través da web, os centros de investigación poderán intercambiar recursos, posibilitando un maior acceso a todo tipo de materiais para os diferentes axentes da I+D+i galega. O obxectivo final é avanzar nunha estratexia que permita a xestión eficiente e integrada dos recursos e capacidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), para a súa vertebración e posta en valor.

Isto é unha das finalidades do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, que busca a coordinación dos membros do sistema de I+D+i e dos recursos dispoñibles, así como acadar unha maior eficiencia e impacto das accións impulsadas desde a Administración para o impulso da investigación, a transferencia e a innovación en Galicia. Ademais, isto supón un reforzo da actividade da Rede CIGUS, composta polos 10 centros de investigación universitarios máis excelentes da Comunidade.

Equipamento e recursos dixitais

O primeiro bloque do acordo céntrase no reforzo dos recursos innovadores destinados aos estudos de grao e mestrado. Trátase, en concreto, da adquisición de equipamento científico e instrumentación avanzada, acondicionamento e dixitalización de espazos educativos, acceso a recursos dixitais e a conformación de plataformas de coñecemento e divulgación que lles permitan aos estudantes e docentes manterse á fronte do desenvolvemento tecnolóxico e adquirir as competencias necesarias a través dos seus estudos universitarios.

A través destes convenios, poderán acceder a licenzas de software, recursos bibliográficos, plataformas de coñecemento, así como á adquisición de equipamentos informáticos, simuladores ou material de todo tipo para os laboratorios dos estudos de grao e mestrado.

Inclúese, tamén, equipamento e infraestruturas con destino aos tres campus de especialización acreditados pola Xunta de Galicia (Campus Industrial de Ferrol, Campus Terra de Lugo e Campus Auga de Ourense), que representarán un punto fundamental polo seu impacto no desenvolvemento das potencialidades económicas do seu contorno máis próximo.

Consolidación e cooperación dos centros de investigación

O segundo bloque do acordo centra os seus esforzos no fortalecemento das infraestruturas dos servizos centrais das universidades, así como na consolidación do equipamento dos centros da Rede CIGUS, para maximizar o impacto das súas actividades ao mesmo tempo que se impulsa o uso compartido e racional das infraestruturas científico-técnicas de Galicia.

Nesta epígrafe, os gastos subvencionables refírense a instalacións, recursos e servizos afíns utilizados pola comunidade científica para realizar investigacións nos seus ámbitos de coñecemento. Trátase de equipamento altamente especializado como un sistema compacto de microscopia, unha máquina de medida de coordenadas, un escáner láser para brazo de medición, incubadores de CO² ou cámaras de calor e secado, así como impresoras 3D de resina, brazos robóticos con sensores de forza nas articulacións, sistemas láser de distintas características, kits de equipamento de diferentes tipos ou bombas de mostraxe, entre outros.

A adquisición deste equipamento científico e técnico permitirá a execución de proxectos de investigación de calidade que melloren os seus resultados e o impacto económico e social, así como para o propio funcionamento e mellora dos servizos comúns e das infraestruturas de investigación existentes; polo tanto, priorízase o equipamento de última xeración que é necesario para acadar a excelencia na investigación.

Ademais, grazas á colaboración entre Xunta e as universidades, facilitarase compartir o equipamento científico-técnico con outros centros da Rede CIGUS, centros colaborativos ou centros tecnolóxicos, sen custo e baixo petición. Durante o período en que o material estea compartido, haberá un técnico á disposición para facilitar o seu uso.

Para iso, a web da Rede CIGUS contará cun espazo habilitado neste último trimestre do ano, en que os centros de investigación poden detallar o seu equipamento, cunha pequena descrición e un contacto para que poidan solicitar o seu préstamo temporal tanto outros centros de investigación como os centros tecnolóxicos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2025