Medio Rural lembra a súa aposta de máis de 9 M€ en 2026 para novas infraestruturas de defensa contra incendios
A conselleira María José Gómez visitou hoxe as instalacións da nova BUO de Rianxo, concibidas para que o persoal dedicado á loita fronte os incendios forestais poida conciliar a súa actividade profesional co necesario descanso
A titular de Medio Rural destacou que se trata dunha base moderna, ben equipada e integrada na contorna, xa que foi construída con materiais ecolóxicos e reciclables, entre os que salientan o castiñeiro e o piñeiro de Galicia
Rianxo (A Coruña), 30 de outubro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, lembrou esta tarde a aposta do seu departamento para novas infraestruturas de defensa contra incendios forestais, que se plasma nunha dotación de máis de nove millóns de euros nos orzamentos do vindeiro ano 2026. Foi nunha visita á nova Base de Unidades Operativas (BUO) de Rianxo, na que a conselleira estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
A Consellería investiu nestas novas instalacións, que están en funcionamento desde finais do verán, un total de 535.000 euros. Tal e como destacou Gómez, a base está concibida para que o persoal de defensa contra incendios forestais poida conciliar a súa actividade profesional co necesario descanso.
Asemade, a titular de Medio Rural destacou da nova base a súa modernidade, bo equipamento e integración na contorna. Neste sentido, puxo en valor que a construción se fixo a partires de materiais ecolóxicos e reciclables como son a madeira, a cortiza, o vidro ou o aceiro. Así, para a súa execución foi empregada madeira con selos de certificación FSC/PEFC e, máis concretamente, madeira de castiñeiro galego e de piñeiro con marca “Piñeiro de Galicia”.
En total, a superficie construída desta BUO supera os 368 metros cadrados en planta baixa, que albergan desde un área de descanso ata cociña, aseos, vestiarios, despacho, garaxe e almacén. “Unhas dependencias preparadas e acondicionadas para dar resposta ás necesidades actuais de todos os profesionais”, destacou.
Compromiso coa prevención e defensa contra os incendios
Gómez enmarcou a iniciativa no claro compromiso da Xunta coa prevención e defensa contra os incendios forestais, que se concreta nos orzamentos para 2026. No ámbito da prevención, con 25 millóns de euros máis con respecto a 2025, pasando dos 50,5 actuais aos 75,38 o vindeiro ano, un 50 % máis.
Esta aposta evidénciase tamén na mellora de infraestruturas como estas BUO ou as bases aéreas, entre as que a conselleira destacou os traballos previstos nas de Lalín, Sandiás, Valga ou Pontevedra. A conselleira engadiu que, de feito, no marco do Plan de Obras do seu departamento, que engloba estes edificios así como oficinas rurais ou centros de formación e investigación, o investimento tanto en novas actuacións como en reformas de infraestruturas existentes superará no 2026 os 18 millóns de euros. Todo isto, concluíu, para seguir prestando o mellor servizo a agricultores, gandeiros e silvicultores.
 
											
											 
											
											 
											
											 
											
											 
									 
									 
									 
									 
										 
										