Estabilizado o incendio do concello lucense de Quiroga, parroquia de Pacios da Serra

Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de 420 hectáreas

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello lucense de Quiroga, parroquia de Pacios da Serra, está estabilizado desde as 20.52 horas de hoxe. Neste lume foi preciso decretar onte mércores a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que xa quedou desactivada tamén onte á tarde.

O incendio iniciouse ás 15.25 horas do pasado martes e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 420 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 14 técnicos, 65 axentes, 79 brigadas, 53 motobombas, 8 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 12 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.

Data de actualización: 17/09/2026