O conselleiro de Sanidade, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol e a xerente da área sanitaria visitaron as instalacións da futura área de rehabilitación
Gómez Caamaño avanza que a área sanitaria de Ferrol contará o vindeiro ano cun novo espazo único de rehabilitación máis amplo, moderno e funcional situado no Hospital Novoa Santos
Os Orzamentos da Xunta para 2026 recollen 400.000 euros para concentrar nun único centro hospitalario o servizo de Medicina Física e Rehabilitación, que atendeu 15.000 pacientes o último ano
A actuación permitirá incrementar a superficie en máis de 1.000 m2 e ampliar o número de consultas de 5 a 8
O novo espazo mellorará tamén a calidade destes servizos ao dotarse dunha sala de exploracións funcionais, unha sala de ortopróteses e unha sala de enfermería
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou esta mañá que a área sanitaria de Ferrol contará en 2026 cun novo espazo único destinado a acoller os servizos de Medicina Física e Rehabilitación no Hospital Novoa Santos.
Segundo apuntou o titular de Sanidade, os Orzamentos da Xunta para 2026 destinan unha partida de 400.000 euros para concentrar nun mesmo inmoble un servizo que ata o de agora se atopaba repartido entre o Hospital Naval e o Hospital Novoa Santos.
Acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e pola xerente da área sanitaria, Fernanda López Crecente, o responsable sanitario explicou que esta actuación permitirá ampliar en máis de 1.000 m2 a superficie dedicada a esta unidade, pasando dos 2.444 m2 ata os 3.500, e tamén incrementar o número de consultas de 5 a 8 e coa posibilidade de chegar a 10.
Segundo apuntou, esta actuación dotará o Hospital Novoa Santos dun servizo de rehabilitación “con maior capacidade, máis funcional e mellor adaptado ás novas necesidades”. Ademais, a nova unidade tamén suporá unha mellora a nivel cualitativo ao incorporar unha sala de exploracións funcionais, unha sala de ortopróteses e unha sala de enfermería.
“Melloraremos os espazos destinados ás terapias de pacientes neurolóxicos, ás terapias de grupo, de solo pelviano e de propiocepción, ademais e ampliar os recursos da unidade de terapias respiratorias”, detallou.
Gómez Camaño precisou que a Xunta prevé que a nova unidade estea finalizada e plenamente operativa para o ano 2026, sendo un proxecto de especial interese, ao tratarse dunha unidade con alta carga asistencial, que no último ano atendeu a preto de 15.000 pacientes.
Preto de 60 profesionais atenderán aos pacientes no servizo unificado.
O proxecto encádrase dentro do conxunto de actuacións que o Executivo galego artellou para a área sanitaria de Ferrol, cuxos orzamentos en Sanidade superarán en 2026 os 365 millóns de euros, un 5,31 % máis que no presente ano.
Premios para os equipos de Enfermería ferrolás
O conselleiro de Sanidade aproveitou a visita á cidade departamental para felicitar publicamente aos dous equipos de enfermería desta área sanitaria que veñen de ser recoñecidos a nivel nacional polo seu talento e dedicación.
Por unha banda, catro enfermeiras do Servizo de Radioloxía foron premiadas polo seu traballo centrado no manexo seguro dos parches transdérmicos durante as resonancias magnéticas.
Así mesmo, o grupo de enfermería de Cardioloxía e Medicina Interna, foi distinguido polo seu estudo sobre a sarcopenia e a desnutrición en pacientes con insuficiencia cardíaca.
“Estes recoñecementos son mostra do talento e a innovación da enfermería galega e do grande valor do traballo en equipo, sempre centrado na seguridade e benestar dos pacientes“.