Medio Rural organiza esta fin de semana unha xornada de especialización e innovación na produción da Faba de Lourenzá
A iniciativa levarase a cabo este venres e sábado no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias de Ribadeo
O programa de actividades inclúe mesas redondas, relatorios especializados e un obradoiro de demostración de cociña para a elaboración de receitas innovadoras con este produto como ingrediente principal
As persoas interesadas en inscribirse nesta acción poderán facelo enviando un correo electrónico ao enderezo direccion.agacal@xunta.gal ou no número de teléfono 881 996 280
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025
A Consellería do Medio Rural organizará unha xornada para promover a especialización e innovación na produción da Faba de Lourenzá, un produto amparado por unha indicación xeográfica protexida propia. Esta iniciativa, que se desenvolverá no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias de Ribadeo este venres e sábado, conta cun programa de actividades no que se inclúen mesas redondas, relatorios especializados un obradoiro de demostración de cociña para a elaboración de receitas innovadoras con faba de Lourenzá.
Nas diferentes mesas redondas desta xornada analizaranse temas como os modelos e estratexias de diversificación no sector agroalimentario galego, así como o valor do produto con identidade local. En canto aos relatorios especializados, estudaranse casos de éxito de valorización de produto e diversificación de canles e outros sobre casos inspiracionais de innovación na cadea de valor.
As persoas interesadas en inscribirse nesta acción poderán facelo enviando un correo electrónico ao enderezo direccion.agacal@xunta.gal ou no número de teléfono 881 996 280.
Apoios aos produtores da IXP
A Consellería do Medio Rural convocou este ano unha liña de achegas para apoiar os produtores da IXP Faba de Lourenzá para cubrir parcialmente os sobrecustos que implica producir este feixón galego con estándares de calidade superiores aos comúns, a maiores de axudar a paliar os danos provocados polas choivas intensas de primavera de 2024 que afectaron á colleita. Esta convocatoria resolveuse cun investimento de 68.000 euros que percibiron todos os fabeiros que cumpriron os requisitos.
Ademais, tamén se está a traballar en liñas de investigación e accións tanto para o fomento da IXP como para impulsar a incorporación de produtores ao distintivo.