A Xunta aposta por converter a minería galega nun aliado estratéxico na modernización das principais cadeas de valor industriais

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou no V Congreso Internacional de Xeoloxía Profesional celebrado en Zaragoza, onde puxo en valor os esforzos que está a facer o sector en Galicia para impulsar a innovación, a sustentabilidade e a diversidade

Zaragoza, 7 de novembro de 2025

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá no V Congreso Internacional de Xeoloxía celebrado en Zaragoza, onde puxo en valor os esforzos realizados pola minería galega para afrontar os desafíos que formula a transición enerxética. Un traballo que, no caso galego, se enmarca na Axenda de Impulso da Minería Sostible de Galicia 2030, que é a folla de ruta para converter o sector nun aliado estratéxico na modernización das principais cadeas de valor industrial baixo criterios de eficiencia, sustentabilidade e diversidade.

Fernández Vila participou na mesa redonda Minerais críticos e políticas mineiras autonómicas: estratexias para un futuro sustentable. Alí, xunto con responsables das administracións aragonesa e andaluza, destacou o papel que están a xogar a dixitalización e a incorporación da I+D+i no impulso da competitividade do sector mineiro grazas ás novas tecnoloxías e a unha xestión intelixente dos datos. “Agora contamos cunha minería máis eficiente, máis segura, sustentable e rendible – gabou o director xeral – e ese é o camiño que temos que seguir apoiando e impulsado desde as administracións.

Pablo Fernández declarou que “a explotación e investigación dos recursos xeolóxicos ligados aos minerais estratéxicos vai resultar crucial nos vindeiros anos”, para, a continuación avanzar que Galicia ten previsto convocar un novo concurso de dereitos mineiros no que se apostará pola conxunción de materias primas clásicas como é o granito ou a lousa, con outros relativos a materias primas críticas como o wolframio ou o litio.

Finalmente, o director xeral de Planificación enerxética e minas insistiu na necesidade de reforzar a competitividade do sector a través de procesos sustentables de innovación tecnolóxica e de crecemento empresarial, para contribuír a xerar riqueza e emprego de xeito sostible económica e ambientalmente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2025