O Servizo Galego de Saúde protagoniza os premios Sanidad #PorElClima 2025

O Sergas foi recoñecido, na categoría de servizo autonómico en saúde, polo seu liderado no reto climático global coa Estratexia de Economía Circular

A Área Sanitaria de Ferrol tamén resultou premiada a nivel nacional pola súa aposta polas enerxías renovables nos centros de saúde de Cedeira, Cerdido e San Sadurniño

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2025

O Servizo Galego de Saúde segue a conseguir recoñecementos internacionais polas súas medidas de sostibilidade e protección do medio ambiente no sector sanitario. Nesta ocasión vén de ser recoñecido na IV edición dos premios Sanidad #PorElClima 2025, na categoría de servizo autonómico de saúde, polo seu labor de liderado fronte ao reto climático global coa súa Estratexia de Economía Circular.

Tamén a Área Sanitaria de Ferrol, co proxecto Cara a unha atención primaria sostible, foi premiada na categoría de Atención Primaria pola súa aposta polas enerxías renovables nos centros de saúde de Cedeira, Cerdido e San Sadurniño, coa instalación de caldeiras de biomasa máis eficientes.  

Ao acto de entrega dos galardóns en Madrid asistiron a coordinadora da Estratexia de Economía Circular do Sergas, Beatriz Piñeiro, a enxeñeira do Servizo de Mantemento da área ferrolá e coordinadora do ámbito da Economía Circular, Silvia López Gomez, e a responsable de Servizos Xerais da área de Ferrol, Rosa Carro López. 

Os premios Sanidad #PorElClima buscan visibilizar aquelas accións lideradas por centros sanitarios que destacan polo seu compromiso climático e a súa contribución á descarbonización do sector, promovendo ao mesmo tempo a saúde das persoas e do planeta. 

Este premio supón un salto cualitativo no compromiso do Sergas co cambio climático a través da súa Estratexia de Economía Circular, que  reduce o impacto ambiental, fomenta a innovación e a sostibilidade en saúde co obxectivo de acadar cero emisións netas en 2040. Por iso, foi recoñecido como Campión Europeo do Clima o pasado ano.

En canto ao traballo de Ferrol premiado, o consumo dun ano das tres novas caldeiras de pellets foi de 46,27 toneladas, o que supón unha redución na pegada de carbono dun 77 %. Así, no centro de saúde de Cedeira substituíronse dúas caldeiras de gasóleo de 50 kW cun consumo anual de 8.500 litros por unha caldeira de pellets de 112 kW; no centro de saúde de Cerdido, cambiouse a caldeira de gasóleo de 27,9 kW e consumo anual de 3.800 litros por unha caldeira de pellets de 25 kW; e en San Sadurniño eliminouse a caldeira de propano de 79 kW cun consumo anual de 6.400 quilogramos por unha caldeira de pellets de 64 kW.

Un dos valores destacados é que este proxecto é completamente replicable en calquera centro de saúde que utilice caldeiras de combustibles fósiles para calefacción e auga quente, e mesmo pode adaptarse a hospitais. Ademais, o seu custo presenta menos flutuacións no mercado en comparación cos combustibles fósiles, o que facilita a planificación de gastos e contribúe a unha maior resiliencia fronte a crises enerxéticas.

A descarbonización ten un impacto positivo sobre a saúde pública, xa que, ao mellorar a calidade do aire e reducir a contaminación, créase unha contorna máis saudable. Isto repercute positivamente na redución de enfermidades respiratorias, cardiovasculares e outros problemas de saúde vinculados á polución.

Estratexia de Economía Circular da Xunta de Galicia

A Estratexia de Economía Circular do Sergas busca que o sector sanitario actúe como eixo vertebrador e impulsor dunha transformación cultural baseada na sostibilidade, que sirva ademais como estímulo para o cadro de traballadores a continuar as medidas desenvolvidas desde hai xa dúas décadas, que permitirán aforrar custes, acadar unha maior eficiencia e diminuír as emisións en todas as instalacións sanitarias.

Entre os obxectivos concretos está reducir en máis de 46.500 as toneladas anuais de emisións de CO2 ata 2030, un 30 %, é dicir, o equivalente a plantar máis dun millón de árbores. Ademais, o Sergas fíxase como obxectivo lograr as cero emisións no 2040.

O cambio climático está estreitamente vinculado a eventos climáticos extremos, como ondas de calor, inundacións e outros desastres naturais. Estes fenómenos non só afectan o medio ambiente, senón que tamén inciden negativamente na saúde humana, aumentando a incidencia de enfermidades respiratorias, infeccións transmitidas pola auga e vectores, así como trastornos relacionados co estrés térmico. Ao mitigar os efectos do cambio climático, redúcese a frecuencia destes problemas de saúde, favorecendo unha contorna máis segura e saudable para todos.

O grupo de traballo do Sergas da Estratexia de Economía Circular, formado por 20 especialistas, deseñou a folla de ruta desta estratexia para os vindeiros seis anos, centrada na análise da pegada de carbono e futura tendencia á descarbonización, nos proxectos tractores das áreas sanitarias como o Life Resystal CHUO, Interreg de Eficiencia energética CHUS, Coolfood Pledge Coruña-Vigo e Mentoring Low Carbon Lugo; e na translación a Galicia da New European Bauhaus, con iniciativas como a construción dunha cabana terapéutica no Hospital Álvaro Cunqueiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2025