O DOG publica as axudas para a EHE correspondentes á última época de circulación do vector transmisor no ano 2024

Faranse efectivos pagos por importe total de máis de 96.000 euros a 70 gandeiros beneficiados que declararan a doenza e/ou obtiveran os correspondentes resultados analíticos con posterioridade ao 5 de decembro de 2024

Deste xeito, complétase o pago correspondentes aos casos detectados dende o mes de decembro ata o comezo da nova época de circulación do vector, que non estivo presente en Galicia dende o comezo do seu período de actividade neste 2025

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2025

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se completa o pago das axudas correspondentes á última época de circulación do vector transmisor da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) no ano 2024. Faranse efectivos pagos por importe total de máis de 96.000 euros a 70 gandeiros beneficiados que declararan a doenza e/ou obtiveran os correspondentes resultados analíticos con posterioridade ao 5 de decembro de 2024, ou que sufriron mortes pola enfermidade despois desa data. Cómpre aclarar que a meirande parte do orzamento destas axudas xa se executou con anterioridade.

Neste sentido, as axudas concedidas ata o de agora corresponderon aos afectados que declararan a enfermidade e obtiveran os resultados desde a chegada desta doenza a Galicia no 2023 ata a referida data. En concreto, en xuño deste ano pagáronse máis de cinco millóns de euros a 2.559 gandeiros. Polo tanto, con esta nova resolución, o número global de beneficiarios sitúase en 2.629, cunha achega total que supera os 5,32 millóns de euros, financiados tanto pola Administración autonómica como polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Deste xeito, complétase o pago correspondentes aos casos detectados dende o mes de decembro ata o comezo da nova época de circulación do vector, que non estivo presente en Galicia dende o comezo do seu período de actividade neste 2025. Neste sentido, cómpre explicar que esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Hai polo tanto un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.

As axudas máis ambiciosas de toda España

As contías por animal falecido para os beneficiarios oscilan entre os 400 euros por bovino menor de 4 meses e os 1.600 euros para aqueles de idade maior ou igual a 18 meses, e menor de 120. A maiores, concedéronse achegas para financiar tratamentos veterinarios e desinsectantes de animais e instalacións, cunhas contías de 100 euros por animal afectado, no caso dos tratamentos, e de 20 euros por animal censado na explotación, ata un máximo de 4.000 euros por granxa, nos desinsectantes. Estas contías confirman que Galicia puxo en marcha o paquete de axudas máis ambicioso de toda España.

Estas subvencións foron directas, polo que permitiron reducir a carga burocrática para os gandeiros, xa que os  titulares das explotacións só presentaron unha aceptación da axuda sen necesidade de xuntar ningunha outra documentación.

A EHE é unha enfermidade infecciosa, pero non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. Dada a vía de transmisión, esta doenza aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, esta doenza non afecta as persoas, que non poden enfermar nin pola picadura do mosquito transmisor, por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.

Protección inmunitaria do gando

O Goberno autonómico levou a cabo tamén un estudo de prevalencia na cabana gandeira galega, no que se tomaron mostras en máis de 3.000 animais de 315 granxas elixidas ao azar, e constatouse que en máis do 80 % das explotacións existe unha alta protección inmunitaria fronte á enfermidade.

A maiores, ao analizar o estudo da prevalencia intra-rabaño, no que se tomaron mostras en explotacións afectadas directamente pola enfermidade, tamén se confirma que nos rabaños afectados existe unha alta protección inmunitaria, moi alta nas explotacións de carne (do 75%) e menor nas de leite (próxima ao 50%).

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251111/AnuncioG0426-031125-0002_gl.html.

Data de actualización: 11/11/2025