A Xunta detecta un novo foco de gripe aviaria en aves silvestres na Coruña

Corresponde a un exemplar de gaivota patiamarela (Larus michahellis) recollida no municipio de A Coruña, e trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático localizado en Oleiros

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2025

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de un exemplar de ave silvestre afectado por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Trátase dunha gaivota patiamarela atopada no municipio da Coruña, e que foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros (A Coruña). A ave foi mostrexada para proceder á análise laboratorial, eliminándose o cadáver conforme á normativa en vigor. Este é o décimo caso en aves silvestres confirmado na nosa comunidade neste ano 2025, pero cómpre lembrar que, por agora, non se rexistrou ningún en aves de curral en Galicia.

Medidas de prevención

Actualmente en Galicia hai medidas de prevención adoptadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en coordinación coas comunidades autónomas, ante o incremento da influenza aviaria noutras zonas de España e como reforzo, por tanto, para protexer as explotacións avícolas galegas. Estas normas entraron en vigor onte, 10 de novembro, nos territorios denominados Zonas de Especial Risco (ZER) e Zonas de Especial Vixilancia (ZEV) de Galicia, definidas na Orde APA/2442/2006, do 27 de xullo, publicada polo Ministerio, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa influenza aviaria. Estas medidas xa estaban vixentes nos 11 concellos ZER e refórzanse agora para as ZEV.

As ZER están conformadas por A Illa de Arousa, Cambados, O Grove, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, na provincia de Pontevedra; Xove, na de Lugo; e Cerceda, Ordes e Tordoia, na da Coruña. En ZEV son Cariño, Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do, Son Rianxo, Ribeira, Vimianzo e Zas, na provincia da Coruña; Ribadeo e Trabada, en Lugo; Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia, en Ourense; e A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa, en Pontevedra.

Polo tanto, nestes territorios queda prohibida a cría de aves de curral ao aire libre, aínda que cando isto non sexa posible en determinadas circunstancias, estará permitido sempre que existan medidas de bioseguridade que garantan a ausencia de contacto, directo ou indirecto a través da auga ou alimento, das aves de curral con aves silvestres. Tamén se prohibe a cría de patos e gansos conxuntamente con outras especies de aves de curral, así como o emprego de aves das ordes Anseriformes e Charadriiformes como reclamos nas actividades cinexéticas.

Outra das medidas é a prohibición de dar auga ás aves de curral procedente de depósitos aos que poidan acceder aves silvestres, agás no caso que sexa tratada con métodos que garantan a inactivación do virus da influenza aviaria. Ademais, os depósitos de auga situados no exterior requiridos por motivos de benestar animal para determinadas aves de curral, deben estar protexidos suficientemente contra as aves silvestres.

Por último, queda prohibida a presenza de aves de curral ou outro tipo de aves cativas nos centros de concentración de animais como os mercados e certames gandeiros, mostras, exhibicións ou celebracións culturais, así como calquera concentración de aves de curral ou outro tipo de aves cativas. Como excepción, determinadas concentracións de aves poderán ser autorizadas pola autoridade competente tras unha avaliación individual de risco.

Medidas de bioseguridade

Dada a relevancia do sector avícola en Galicia, desde a Consellería do Medio Rural vólvese a insistir na importancia de reforzar as medidas de bioseguridade das explotacións avícolas galegas, tanto das industriais como das familiares, especialmente as destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia das aves domésticas e silvestres, comunicando de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais calquera sospeita da enfermidade. No caso das aves silvestres esta comunicación pódese levar a cabo a través do teléfono de atención á cidadanía 012.

Cómpre lembrar que o serotipo vírico detectado (H5N1) ten demostrado un escaso carácter zoonótico, aínda que por un principio básico de bioseguridade, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e comunicar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Data de actualización: 11/11/2025