Medio Rural destaca a aposta da empresa lucense Jamones González a prol da calidade diferenciada

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, visitou hoxe as súas instalacións situadas no concello do Corgo

Esta empresa atópase inscrita na Indicación Xeográfica Protexida Lacón Galego, en Artesanía Alimentaria e no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia

O Corgo (Lugo), 13 de novembro de 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, visitou hoxe as instalacións de Jamones González no concello do Corgo para poñer en valor a súa aposta pola calidade diferenciada. Ademais, indicou que esta empresa é un exemplo de xerar valor engadido ás súas producións e por iso se atopa inscrita na Indicación Xeográfica Protexida Lacón Galego, en Artesanía Alimentaria e no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Jamones González conta coa súa propia explotación de gando porcino de raza Duroc, na que cría os animais dos que obteñen os produtos que logo comercializan, entre os que se atopan curados como o xamón ou o lacón, pero tamén embutidos como o chourizo e o salchichón. Cómpre engadir tamén que comercializan produtos da raza autóctona de porco celta, o que amosa o seu compromiso co territorio.

Desde a Consellería do Medio Rural estase a traballar para potenciar este tipo de producións amparadas por distintivo de calidade diferenciada e, unha das melloras ferramentas para acadalo é a promoción. Por iso, o próximo ano 2026 reforzarse este eido con 10 millóns de euros destinados ao Plan Saborea Calidade Diferenciada, dous máis que neste 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2025