A directora xeral de Promoción da Igualdade presidiu a sesión plenaria do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero

O observatorio galego reforza o compromiso co deporte inclusivo coa posta en marcha dun grupo de traballo específico

O pleno celebra de xeito positivo o recente ditame do Tribunal de Xustiza Europeo que determina que todos os países da Unión Europea deben recoñecer os matrimonios entre persoas do mesmo sexo celebrados legalmente noutro Estado membro

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2025

O observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero reforzou esta mañá na súa sesión plenaria o compromiso co deporte inclusivo coa posta en marcha dun grupo de traballo específico e que se porá en marcha co obxectivo de xerar un espazo de diálogo e posta en común no que impulsar novas accións neste sentido.

Así, a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, explicou que se está traballando da man da Secretaría Xeral para o Deporte para seguir avanzando en medidas concretas. Por iso, durante a sesión plenaria deuse conta do traballo que se está realizando no eido da diversidade LGBTI e informouse sobre a realización dunhas xornadas de formación específicas para diferentes axentes deportivos en 2026.

Ademais, durante a sesión plenaria a directora xeral de Promoción da Igualdade detallou as principais liñas de actuación desenvolvidas durante este ano, entre as que destacan o apoio as iniciativas para visibilizar a diversidade LGBTI no rural, o traballo dos centros Quérote+ nesta materia, o apoio económico ao movemento asociativo LGBTI ou o proxecto Historias LGBTI da Galicia Orgullosa que protagonizou a campaña da Xunta polo día do Orgullo. Para explicalo, participou por videoconferencia a investigadora e experta en memoria do LGBTI, Daniela Ferrández, que forma parte como asesora científica deste proxecto, quen  detallou o traballo que se está desenvolvendo nunha iniciativa que verá a luz ao 100% nos próximos meses e que se converterá nun arquivo dixital de vidas que foron silenciadas e que merecen ser contadas. Así, solicitouse a colaboración das entidades LGBTI, sociais, culturais ou educativas para a recollida de todas esas historias a través de imaxes, vídeos, documentos ou audio.

Nesta sesión plenaria tamén se aprobou o Informe de incidentes de odio 2023 e se celebrou o recente ditame do Tribunal de Xustiza Europeo que determina que todos os países da UE deben recoñecer os matrimonios entre persoas do mesmo sexo celebrados legalmente noutro Estado membro. Trátase, segundo explicou Quintiana, dun paso clave para os dereitos das persoas LGBTI.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/11/2025