O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe no acto de entrega destes recoñecementos organizado polo Concello de Boiro
A Xunta felicita ás persoas, entidades e empresas recoñecidas co Distintivo Benestar Social
Destaca a importancia de tecer sinerxías entre as administracións e o terceiro sector para actuar de maneira eficaz e eficiente contra a pobreza e a exclusión
Os galardoados nesta quinta edición do certame foron: Cáritas, Comoxo Organics, Asociación A Creba, Fundación Meniños, os profesionais do centro de saúde, e as veciñas María Digna e Tamara Vila
Boiro (A Coruña), 28 de novembro de 2025
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, trasladou esta tarde os parabéns da Xunta de Galicia ás persoas e entidades recoñecidas co Distintivo Benestar Social Concello de Boiro polas accións realizadas en beneficio da veciñanza. Fíxoo no acto de entrega destes recoñecementos, que celebraron a súa quinta edición nas instalacións do Centro municipal de Formación, Emprego e Emprendemento.
Arturo Parrado destacou a importancia de tecer sinerxías entre as administracións e o terceiro sector para actuar de maneira eficaz e eficiente contra a pobreza e a exclusión social. Neste sentido, destacou que o vindeiro ano, a Xunta seguirá blindando a colaboración coas entidades que traballan no campo da inclusión. De feito, coa finalidade de continuar apoiando o labor que estas realizan, os orzamentos da Dirección Xeral de Inclusión Social para 2026 reservan 23 millóns de euros, un 4% máis que os actuais.
As persoas, entidades e empresas galardoadas nesta ocasión foron as seguintes: O Distintivo Voluntariado recibiuno Cáritas Boiro, o Distintivo Sector Empresarial recaeu en Comoxo Organics, o Distintivo Entidade Social foi para a Asociación A Creba, o Distinto Inclusión concedeuse á Fundación Meniños polo seu programa Espazo de Preservación Familiar, e o Distintivo Igualdade outorgouse ao equipo de profesionais sanitarios do centro de saúde de Boiro en materia de violencia de xénero.
Tamén se entregou o Distintivo Méritos Extraordinarios a María Digna Torrado, polo seu traballo continua no coidado dos veciños e veciñas do concello no Servizo de Axuda no Fogar (SAF); e o Distintivo Superación Exemplo a Tamara Vila, pola súa loita a prol da accesibilidade.