O delegado territorial da Xunta en Ourense visitou esta mañá o IES Otero Pedrayo, beneficiario do programa para a distribución de froita fresca, castañas e leite

Manuel Pardo subliña a aposta da Xunta por potenciar hábitos alimenticios saudables nos centros escolares ourensáns

O delegado territorial destacou que, no curso 2025/26, a Consellería do Medio Rural destinou a esta iniciativa máis dun millón de euros

O representante do Goberno galego destacou que a través desta liña de subvencións preténdese potenciar o consumo de froita e leite entre os nenos e a mocidade, creando así hábitos alimenticios saudables que poidan manter no futuro

Manuel Pardo salientou como unha responsabilidade colectiva a necesidade de impulsar hábitos saudables na infancia e na mocidade. Nese marco, sinalou como un exemplo do camiño a seguir o programa Obesidade Zero da Xunta, que, entre outras liñas de traballo, procura optimizar os menús dos comedores escolares

Ourense, 1 de decembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá na cidade de Ourense o IES Otero Pedrayo, beneficiario do programa da Xunta para a distribución de leite e froita, no que a Consellería do Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), destinou no curso 2025/26 máis dun millón de euros nos centros educativos da comunidade autónoma.

O delegado territorial explicou que desta iniciativa benefícianse os centros de ensino de educación infantil, primaria e secundaria (incluíndo a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional, básica e de grao medio). En concreto, hai dous períodos de repartición autorizados, un que abrangue ata febreiro deste ano e outro que irá de marzo a xuño. En cada período, a distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo durante 10 días lectivos consecutivos, mentres no caso do leite líquido terá lugar durante un mínimo de 10 días lectivos seguidos.

Manuel Pardo sinalou que cada ano máis de 80.000 alumnos e alumnas galegos consumen froita e leite durante o recreo nos centros escolares onde estudan grazas a estas axudas que xestiona o Fogga. Nesta liña, concretou que as achegas para este curso escolar superan os 373.978,84 euros no apartado do leite e os 634.362,67 euros no caso da froita, sumando así un orzamento conxunto de 1.008.341,51 euros.

O representante do Goberno galego destacou que a través desta liña de subvencións, preténdese potenciar o consumo de froita e leite entre os nenos e a mocidade, creando así hábitos alimenticios saudables que poidan manter no futuro.

Compromiso coa saúde dos máis novos

Manuel Pardo  salientou como unha responsabilidade colectiva a necesidade de impulsar hábitos saudables na infancia e na mocidade. Nese marco, sinalou como un exemplo do camiño a seguir o programa Obesidade Zero da Xunta, que, entre outras liñas de traballo, procura optimizar os menús dos comedores escolares.

Entende o delegado territorial que a medida favorece que o alumnado creza e se desenvolva física, psíquica e socialmente e vaia adquirindo hábitos alimentarios. Dixo que a familia desempeña un papel clave na configuración do patrón de consumo do menor como responsable da súa alimentación e como modelo de referencia, establecendo as pautas e normas relacionadas coa comida e o consumo de alimentos pero as administracións deben contribuír a que as novas xeracións sexan cada vez máis sans e saudables.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/12/2025