A Xunta impulsa a iniciativa ‘Punto Deporte Río Mao’ en bóveda cunha achega de 284.000 a través da liña de apoio a proxectos estratéxicos

A directora xeral de Administración Local e o delegado territorial da Xunta en Lugo visitan o concello para coñecer as obras previstas para mellorar as instalacións deportivas municipais

Crearase un espazo de referencia comarcal para o lecer activo e a práctica de exercicio físico ao aire libre

No conxunto de Galicia hai un total de 19 novas iniciativas beneficiadas na convocatoria de 2025

Bóveda (Lugo), 5 de decembro de 2025

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe Bóveda xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias,  para coñecer o proxecto de novas instalacións deportivas que ten previsto crear o Concello co apoio da Xunta. A través das axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL) destinadas a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, o Goberno galego achega máis de 284.000 euros á iniciativa Punto Deporte Río Mao, a metade do gasto total previsto.

Segundo explicou a directora xeral, trátase dunha actuación estratéxica, xa que ten como obxectivo converter a contorna do río Mao nun espazo de referencia comarcal para o lecer activo e a práctica deportiva ao aire libre. Así, vanse crear unha piscina natural, un circuíto de pump track, un rocódromo e parque infantil de iniciación á escalada, e pistas de volei-praia e de pádel. É unha iniciativa que ademais de facilitarlle “a toda a poboación a práctica deportiva a prol da saúde e o benestar, pon en valor o patrimonio natural da zona e dinamiza o turismo de proximidade e a economía local”, apuntou.

Cómpre lembrar que a través da liña de apoio a proxectos estratéxicos, o Goberno galego apoia o impulso de iniciativas que transcenden o ámbito municipal e que contribúen a fomentar a economía e a industria dos concellos galegos, así como a transformar de maneira transversal outros ámbitos como o turismo, o deporte ou o medio ambiente.

Natalia Prieto destacou que no conxunto de Galicia hai 19 novas iniciativas beneficiadas na convocatoria de 2025, que contou cunha dotación de 8,5 millóns de euros. A elevada demanda que tivo nas dúas primeiras convocatorias e a súa importancia estratéxica para os concellos levou a Xunta a reforzar o seu orzamento para 2026 ata os 10 millóns de euros.

No conxunto das axudas deste ano destacan precisamente as actuacións relacionadas con melloras e creación de instalacións deportivas por seren maioritarias. Nesta liña, na provincia de Lugo, tamén se prevén melloras de seguridade e de adecuación á competición en instalacións da Pastoriza.

Compromiso cos concellos

Natalia Prieto incidiu no compromiso cos concellos galegos mediante as liñas de axudas específicas como a Orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de axudas de eficiencia enerxética cofinanciada con fondos Feder ou o Fondo de Cooperación Local, no que se enmarca esta liña dirixida a proxectos estratéxicos.

No caso do concello de Bóveda, nos últimos anos recibiu preto dun millón de euros a través das distintas medidas de apoio da Xunta ás administracións locais. Entre as actuacións máis recentes realizadas co apoio da Xunta están a mellora da eficiencia enerxética en instalacións municipais ou a construción dunha pista de pádel.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2025