A Xunta impulsa a mellora da eficiencia enerxética do campo de fútbol de Vizoño en Abegondo coa renovación da súa iluminación e do sistema de auga quente cun apoio da Xunta de 60.000 euros

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou o Concello para coñecer as accións realizadas ao abeiro do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local 

Abegondo (A Coruña), 10 de decembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou o Concello de Abegondo para coñecer as actuacións realizadas ao abeiro do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local que contou cun apoio de 60.000 euros, o máximo que contempla a orde por Concello, para levar a cabo a mellora da eficiencia enerxética do campo de fútbol de Vizoño, na visita estivo acompañada polo alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso. A dotación deste fondo estaba destinada á realización de obras de mellora da eficiencia enerxética en edificios de titularidade municipal que se destinen á prestación de servizos ou ao exercicio das súas competencias e vai dirixido a concellos con poboación inferior a 15.000 habitantes, por concorrencia competitiva e cunha dotación para toda Galicia de 5 millóns de euros.

Concretamente, esta axuda permitiulle ao Concello levar a cabo un proxecto de mellora das instalacións deportivas municipais, centrado en dous eixos fundamentais: a renovación completa da iluminación do campo de fútbol e a substitución do actual sistema de produción de Auga Quente Sanitaria (ACS) mediante tecnoloxía de alta eficiencia enerxética.

Belén do Campo explicou que a iluminación actual do campo de fútbol, instalada hai varias décadas, presentaba importantes deficiencias tanto en grao lumínico como en uniformidade, o que dificultaba o desenvolvemento adecuado das actividades deportivas. Co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e ofrecer unha iluminación óptima, procedeuse á substitución das actuais luminarias de halogenuros metálicos por modernos proxectores LED de alto rendemento. As vantaxes desta tecnoloxía fronte ás lámpadas tradicionais son a súa maior eficacia luminosa e menor consumo.

O proxecto contemplou a instalación de cinco proxectores LED en cada unha das catro torretas existentes, distribuídos en tres unidades de 600 W e dúas de 900 W. A potencia total instalada será inferior á actual —na que se empregan catro lámpadas de 2.000 W por torre—, pero acadando un nivel de iluminación moi superior

A intervención tamén contemplou a renovación parcial do cableado e a implantación dun sistema de control a distancia da iluminación. Con esta actuación, o Concello avanzou cara a unha instalación máis eficiente, moderna e adaptada ás necesidades actuais do deporte local.

Auga quente

A segunda intervención afectou ao edificio deportivo principal, que conta con dous vestiarios principais con 12 duchas e outro destinado a árbitros con 2 duchas. O Concello apostou agora, co apoio da Xunta ,por un sistema baseado en enerxía aerotérmica, unha fonte renovable altamente eficiente que permite reducir de xeito notable tanto o consumo enerxético como as emisións de CO₂.

A obra incluíu unha bomba de calor de última xeración capaz de acadar 75 ºC de impulsión, canalizacións hidráulicas de interconexión e distribución, novas tubaxes, bomba de circulación controlada electrónicamente, depósito de acumulación de 1.500 litros con intercambiador específico para bomba de calor, un conxunto de válvulas, filtros, vasos de expansión e demais elementos auxiliares, un sistema electrónico avanzado de control da instalación e un novo cadro eléctrico e canalizacións asociadas.

Grazas á aerotermia, o novo sistema permitirá cubrir o 100% da demanda de ACS do complexo deportivo, mellorando as prestacións actuais e reducindo o impacto ambiental da instalación

Compromiso coa eficiencia enerxética e o deporte

Con estas actuacións, o Concello reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas deportivas e cun modelo de xestión máis eficiente, sostible e respectuoso co medio ambiente. Estas intervencións permiten ofrecer mellores servizos á cidadanía e garantir que as instalacións deportivas cumpran os estándares de calidade e seguridade esixidos na actualidade.

A delegada incidiu na importancia da colaboración entre o Goberno galego e os concellos para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza. Nesta liña, sinalou que este apoio é fundamental sobre todo nos municipios máis pequenos para que poidan levar a cabo iniciativas que en solitario resultaríalles máis complicado ou non serían posibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/12/2025