A Xunta sela cos sindicatos e a patronal do ensino concertado o acordo para a xubilación parcial
O conselleiro Román Rodríguez salienta que é un acordo “xusto e pertinente” e reitera o compromiso da Xunta coa mellora das condicións do conxunto do profesorado
O Goberno galego destinará máis de 8,3 M€ a asumir os gastos salariais e de Seguridade Social para catro anos
O documento foi asinado por catro organizacións (FSIE, UGT, CCOO e USO), mentres que CIG-Ensino e SNEP optaron por manterse fóra
A partir deste ano, os profesores aos que lle resten dous anos para xubilarse poderán reducir a súa xornada nun 72% e serán cubertos por un novo docente
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, vén de selar coa patronal do ensino concertado representada por CECE, Escolas Católicas e ACES, así como cos sindicatos FSIE, UGT, CCOO e USO, o acordo de prexubilación parcial dos docentes deste sector, logo de que fóra autorizado o luns polo Consello da Xunta.
O titular de Educación do Goberno Galego puxo en valor este acordo que cualificou de “xusto e pertinente” xa que atende a unha reivindicación dos profesores do ensino concertado que lles permite avanzar en materia laboral.
Román Rodríguez reiterou o compromiso da Xunta coa mellora das condicións do conxunto do profesorado que presta servizo no sistema educativo galego, que se reflicte en medidas específicas nos últimos anos grazas, tamén, “ao diálogo, á altura de miras e ao bo facer da inmensa maioría das organizacións sindicais do ensino”. Non en balde, o documento de hoxe está subscrito por todas as organizacións sindicais do ensino concertado -agás CIG-Ensino e SNEP que optaron por manterse fóra malia a que participaron na negociación- que aglutinan a máis do 90% da representación do profesorado destes centros.
Así pois, ao abeiro deste acordo, facilítase a xubilación parcial do persoal docente dos centros privados concertados de Galicia, ao tempo que se favorece a incorporación doutras persoas ao mercado laboral, dado que será preciso contratar a unha persoa a xornada completa como remuda por cada situación de xubilación parcial. A Xunta asume os gastos salariais e de Seguridade Social derivados do contrato a tempo parcial da persoa xubilada ata que teña dereito á pensión de xubilación íntegra, para o cal destina unha partida de máis de 8,3M€ para catro anos.
Acollerse a esta posibilidade de xubilación parcial é unha decisión voluntaria e os profesores que o desexen deberán solicitalo ao seu centro.
De cara a acadar unha xestión máis eficaz e ordenada das solicitudes de acceso, garantindo ao mesmo tempo que o funcionamento do centros non resulte prexudicado, o acordo establece tres datas anuais fixas para o inicio efectivo da xubilación: 1 de xaneiro (1 de febreiro no caso de 2026), 1 de abril e 1 de setembro, de cada ano de vixencia.
Requisitos
Poderán beneficiarse os docentes de Infantil, Primaria, Educación Especial, Educación Secundaria Obrigatoria e FP de centros concertados en pago delegado que teñan contrato de traballo de duración indefinida e xornada completa. A duración do contrato deber ser dun mínimo de seis anos ininterrompidos e inmediatamente anteriores á data de inicio da xubilación parcial. O período de tempo que medie entre a data de inicio da xubilación parcial e a data de xubilación total debe ser igual ou inferior a dous anos. Tamén se poderán beneficiar da medida as persoas cooperativistas que cumpran ditos requisitos.
A xubilación parcial suporá a redución da xornada desa persoa nun 72% (18 horas lectivas semanais) ata que teña dereito á pensión de xubilación ou ata que a relación se extinga por calquera outra causa. Na selección do novo profesorado terá carácter preferente a condición de persoal incluído na bolsa de recolocación creada a través do Acordo de 14 de xuño de 2023 asinado entre a Consellería de Educación e as organizacións empresariais e sindicais do ensino privado concertado de Galicia sobre medidas de recolocación do profesorado afectado pola modificación das unidades concertadas.