A Xunta adxudica a Telefónica a adquisición do novo computador cuántico do CESGA por máis de 9M€

O novo computador, cunha capacidade de 54 cúbits, localizarase no novo edificio deste centro do Goberno galego e do CSIC no polígono da Sionlla

Este equipamento enmárcase nos 56 M€ para construír o novo edificio do CESGA e mellorar as súas capacidades e infraestruturas

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2025

A Xunta de Galicia vén de adxudicar a adquisición do novo computador cuántico do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) por máis de 9 M€ a Telefónica Soluciones de Informática y Comunicaciones de España S.A.U. A nova infraestrutura, que mellora as prestacións do actual ordenador cuántico, Qmio, conta con 32 cúbits e localizarase no futuro edificio do CESGA que se está a construír no polígono da Sionlla en Santiago de Compostela e estará instalado e operativo en 2026.

Este equipamento permitirá impulsar o desenvolvemento do ecosistema de computación cuántica e favorecer o liderado de Galicia, completando a oferta actual do centro, dependente da Xunta de Galicia e do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Así mesmo, contribuirá a manter e reforzar a competitividade dos centros de investigación, dos centros tecnolóxicos e das empresas, tanto a nivel autonómico como a nivel nacional, dotándoos dunha infraestrutura científica punteira que permita desenvolver unha investigación efectiva no campo da computación cuántica.

Neste sentido, as tecnoloxías cuánticas permitirán avanzar na resolución de problemas complexos que os computadores tradicionais non son capaces, acelerar o desenvolvemento doutras tecnoloxías, mellorar a competitividade dos distintos sectores e contribuír ao benestar social. Por iso, Galicia vén apostando decididamente por este campo nos últimos anos para situarse como un referente nestas tecnoloxías e, así, impulsar a ciencia, atraer talento e xerar novas oportunidades para a industria, no marco do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia.

Telefónica presentou un proxecto que incorpora un computador cuántico do fabricante europeo IQM, modelo Radiance de 54 cúbits baseados en supercondutores e deseñado especificamente para a súa integración en contornas HPC ao que se suma un computador cuántico adicional, modelo Spark, de cinco cúbits para a realización de accións de formación, probas de concepto e testeo de algoritmia. Ademais, a solución desta recoñecida firma garante acceso remoto a infraestruturas equivalentes para os grupos de investigación ligados ao CESGA a partir do día da sinatura do contrato de adquisición.

Reforzo das capacidades do CESGA

Este orzamento enmárcase no investimento de 56 M€, o maior realizado no CESGA ao longo da súa historia, para construír un novo edificio e mellorar as súas capacidades coa adquisición de novos equipamentos para, así, convertelo nun referente a nivel nacional e internacional no eido da computación de altas prestacións. Estas actuacións están financiadas con fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, no marco do PERTE Chip, e con fondos propios da Xunta.

As novas infraestruturas complementaranse cun novo supercomputador, o Finisterrae IV, que proporcionará unha potencia computacional adicional que cubrirá as necesidades de intelixencia artificial, entre outras, e un sistema de almacenamento de datos que posibilitará albergar gran cantidade de datos de modo permanente e prestar servizos de datos máis avanzados. Esta licitación, que se publicou simultaneamente á do ordenador cuántico, está pendente de adxudicar.

O obxectivo destas accións é reforzar o CESGA como un centro de referencia no ámbito nacional e europeo, que estea á vangarda en infraestruturas de computación, así como no coñecemento sobre tales infraestruturas. Así mesmo, o novo edificio e o seu equipamento permitiranlle ao CESGA seguir mellorando os servizos que presta e que redundan nunha mellora da calidade de vida dos galegos, ademais de contribuír ao fortalecemento e á ampliación das colaboracións que o centro mantén con empresas tratoras de diversos sectores e que resultan en melloras competitivas destas.

Data de actualización: 14/12/2025