Medio Rural destinou máis de 8,5 M€ no 2025 ao Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada e incrementará o vindeiro ano esta cantidade ata superar os 10 M€
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria compareceu, a petición propia, na Comisión 7ª do Parlamento, para informar do programa de accións de promoción de produtos agroalimentarios
Martín Alemparte sinalou que esta é unha “estratexia de país” para xerar valor engadido, reforzar o prestixio do sector agroalimentario, dinamizar o territorio e defender o patrimonio cultural e gastronómico da comunidade autónoma
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, destacou a “singularidade” do modelo galego do programa de reparto de froitas e leite nas escolas, que este curso chegará a 297 centros e a uns 80.000 alumnos
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025
A Consellería do Medio Rural destinou este ano máis de 8,5 millóns de euros ao Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, unha “estratexia de país” que ten como principais obxectivos xerar valor engadido, reforzar o prestixio do sector agroalimentario, dinamizar o territorio e defender o patrimonio cultural e gastronómico da comunidade autónoma. Trátase, tamén, de potenciar esa Galicia Calidade que se identifica no sector agroalimentario galego.
Así o explicou esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, quen compareceu a petición propia para presentar as actuacións de Medio Rural en materia de promoción da calidade diferenciada ao longo do ano 2025. Este labor terá continuidade no 2026, cun incremento do orzamento para o devandito Plan ata os superar os 10 millóns de euros.
O director sinalou que este exercicio estivo caracterizado por unha forte intensidade promocional, unha maior visibilidade dos produtos galegos e un reforzo da estrutura e gobernanza do sistema. Así, consolídanse os datos do crecemento económico das producións galegas certificadas, que -con cifras de 2024- acadaron máis de 700 millóns de euros, cun incremento do 6,8 % respecto do ano anterior e continuando unha tendencia de avance sostido na última década.
Fortalecemento das explotacións e industrias
Así mesmo, Alemparte destacou que os programas da Axencia Galega da Calidade Alimentaria fortaleceron a actividade de máis de 22.400 explotacións e case 1.200 industrias que forman parte dos réximes de calidade diferenciada. A maiores, a liña de axudas para novos produtores permitiu a entrada de 655 novas explotacións nestes réximes, reforzando sectores estratéxicos como a Agricultura Ecolóxica e a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega.
En canto ao programa de promoción en si, Alemparte definiuno como “amplo, diverso e equilibrado”, con máis de 200 accións este ano, entre feiras profesionais internacionais -con presenza mesmo en Miami e Singapur, entre outros mercados-; certames nacionais; presenza en grandes eventos de público xeral, tales como os festivais de música (O Son do Camiño, O Festival da Luz ou Portamérica); e accións institucionais, entre as que destacan as catas oficiais de Galicia -de viños, queixos e meles- e xornadas técnicas e encontros da cadea de valor.
O director puxo en valor o apoio aos consellos reguladores das producións de calidade diferenciada, cunha liña de axudas para promoción dotada con 2 millóns de euros. Tamén incidiu nas accións directas de promoción executadas pola Xunta, cun investimento de 5,4 millóns de euros.
Reparto de froitas e leite nas escolas
Pola súa banda, o director xeral da xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, subliñou a “singularidade” do modelo galego do programa de reparto de froitas e leite nas escolas, que este curso chegará a 297 centros e a uns 80.000 alumnos na nosa comunidade.
Así, salientou que Galicia aposta por un enfoque de compra de produtos directamente polos centros educativos, fronte á licitación para o reparto que se utiliza noutros territorios. Desta forma, indicou, o modelo galego permite aos colexios deseñar o seu propio programa, determinando os alumnos a repartir, que froitas ou que tipo de leite se entregan e o calendario de repartición.
A modo de balance, o director trasladou que o programa galego continúa evolucionando cun amplo nivel de execución e de demanda por parte dos centros educativos. Iso si, advertiu ao tempo que as previsións marcadas pola UE no Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 pode xerarlle certas dificultades no futuro, pois terá que competir con outros programas ou proxectos contidos no fondo común no que queda integrado, fóra do sobre protexido para a PAC.