A Xunta de Galicia potencia o selo Mercado Excelente coa actualización e simplificación dos criterios para a súa obtención
O Diario Oficial de Galicia publicará proximamente a orde que redefinirá os estándares desta certificación co fin de adaptala ás características dos distintos mercados de abastos galegos e ás novas tendencias de consumo
Esta acción realizouse en coordinación co sector no marco do Plan estratéxico de comercio, que tamén abarca as axudas para impulsar esta certificación coa que contan os mercados de Tomiño, Vilagarcía, Pontedeume e Carballo
Esta folla de ruta autonómica inclúe outras accións como Prato de Mercado, presentada recentemente e que fomenta sinerxías entre a gastronomía e os mercados co fin de reforzar o seu papel como escaparates do produto galego de calidade
Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2025
O Diario Oficial de Galicia publicará proximamente a orde que actualizará e simplificará os criterios para a obtención e renovación do selo Mercado Excelente. Deste xeito, o Goberno galego busca adaptar este recoñecemento ás características dos distintos mercados de abastos galegos e ás novas tendencias de consumo. Trátase dunha redefinición enmarcada no Plan estratéxico de comercio 2025-2030 e realizada en coordinación con todo o sector para atender ás potencialidades destes espazos.
O obxectivo fundamental é seguir fortalecendo e consolidando unha rede ao abeiro do distintivo Mercado Excelente, impulsado polo Goberno galego para recoñecer aquelas prazas de abastos que están a responder de xeito diferencial e destacado aos retos da modernización e á innovación sen perder a súa autenticidade e tradición.
Así mesmo, o Plan estratéxico do comercio marca o obxectivo estratéxico de chegar aos 25 mercados excelentes en 2030. Neste sentido, nel tamén se enmarcan as axudas ao sector para a dinamización destes espazos e impulsar a súa certificación como mercados excelentes, coa que na actualidade contan os mercados de Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume e Carballo. Uns apoios que o Executivo autonómico reforzará no 2026 cun investimento próximo aos 4,5 M€.
Outras accións
Esta planificación autonómica, tamén inclúe outras accións para maximizar o potencial gastronómico e turístico das prazas de abastos. Entre elas, Prato de Mercado, presentada recentemente e que fomenta sinerxías entre a gastronomía e os mercados co fin de reforzar o seu papel como escaparates do produto galego de calidade, fresco e de proximidade. Outra acción xa consolidada é Quere o teu Mercado e a isto únese a nova imaxe do Comercio Galego, unha marca distintiva lanzada recentemente e coa que a Xunta busca enxalzar a identidade e excelencia dos comercios de proximidade.
Esta batería de accións forma parte do compromiso da Xunta cos mercados —preto de 100 en toda Galicia distribuídos en 76 municipios—, que desempeñan un papel clave para garantir a calidade da oferta comercial, o abastecemento de proximidade e a conexión directa co territorio.