A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue asinou hoxe co alcalde, José Luis Oujo, este acordo
A Xunta colabora co Concello de Porto do Son na primeira fase da mellora do complexo deportivo da Tarela
O Goberno galego financia cun préstamo de mais de 390.000 euros a creación e ordenación dun aparcadoiro que dea servizo aos usuarios das piscina e ximnasio, mellorando a chegada en vehículo e a mobilidade no contorno do complexo deportivo
Na actuación incluirase o incremento e optimización da superficie útil destinada á actividade física, mellorando as condicións de uso e adaptando o espazo ás necesidades actuais
O departamento que dirixe María M. Allegue presta apoio aos municipios con menos poboación para levar a cabo a conservación de patrimonio, rexeneración urbana ou adquisición de inmobles
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025
A Xunta colabora co Concello de Porto do Son na primeira fase das obras de mellora do complexo deportivo da Tarela. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe co alcalde, José Luis Oujjo, o convenio para a concesión dun préstamo por un importe que supera os 390.000 euros do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes.
En concreto, o obxectivo do convenio firmado esta mañá en San Caetano é levar a cabo os traballos que permitan crear e ordenar un aparcadoiro que dea servizo aos usuarios do complexo (piscina e ximnasio) e mellore a chegada en vehículo e a mobilidade no contorno.
A obra prevista incluirá tamén o incremento e optimización da superficie útil destinada á actividade física, mellorando as condicións de uso e adaptando o espazo ás necesidades actuais.
A intervención a acometer polo Concello, que suporá un orzamento total de preto de 650.000 euros, desenvolverase así grazas á esta iniciativa do Fondo de Cooperación da Xunta, que está destinada a financiar obras de conservación de patrimonio, rexeneración urbana ou adquisición de inmobles para rehabilitar en municipios con poboación máis pequena.
Este préstamo sen xuros, a devolver en 8 anos, correspóndese á convocatoria 2025 desta liña de achegas, dotada dun total de 3,7M€.