A Xunta dá luz verde ambiental a un proxecto para a xestión de residuos no parque empresarial de Nantes, en Sanxenxo
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
O Executivo galego lembra que este é un paso máis na tramitación do expediente e que o IIA non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes exixibles para a execución e desenvolvemento da iniciativa
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións a un proxecto para a xestión de residuos no parque empresarial de Nantes, no Concello de Sanxenxo.
Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, cuxa resolución se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados un total de dez organismos interesados.
Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, do solo e das augas, a xestión de residuos, así como do patrimonio natural.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e dáselle publicidade tamén a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O proxecto, promovido por Gómez Uhía Inversiones, SL, prevé a construción dunha planta para a xestión de residuos nunha parcela do parque empresarial de Nantes, no Concello de Sanxenxo, cuxa superficie total é de máis de 750 m2.
Na devandita parcela levaríanse a cabo as seguintes actividades: almacenamento de residuos perigosos e non perigosos, incluíndo refugallos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE), e valorización de metais mediante clasificación e selección dos mesmos e de vehículos, automóbiles e pequenas embarcacións ao final da súa vida útil.